 
 
Unha "nova cultura da auga" é necesaria para controlar a degradación dos ríos, segundo defende o volume "O Tempo dos ríos", coordinado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza.
Os principais problemas dos ríos galegos son desde os anos 90 "a contaminación" e as actuacións "arbitrarias" e en función de "intereses hidroeléctricos", explicou Manuel Soto, membro de Adega e coordinador desta obra. Soto laiouse de que en décadas recentes a sociedade viva "de costas" aos ríos.   
  O proxecto inclúe as reflexións de preto de dúas ducias de expertos relacionados con seis universidades, tanto de Galiza, coma de Portugal e do resto do Estado, e representantes de varios colectivos ecoloxistas e cidadáns que veñen loitando nos últimos anos contra as agresións aos ríos.   
  O libro inclúe catro apartados: O conflito social, ambiental e cultural da auga hoxe; A calidade das augas subterráneas, fluviais e costeiras de Galiza; A planificación hidrolóxica na Galiza, e A problemática ambiental e social en diversos ríos e a sobreexplotación hidroeléctrica. O prólogo fíxoo Xavier Castroviejo, quen fora director da Estación Biolóxica de Doñana e presidente do comité estatal do Programa Home e Biosfera. 
  Durante a presentación da obra este mércores en Santiago, o tamén coordinador e co-autor da obra, Javier Martínez Gil, catedrático de Hidroloxía da Universidade de Zaragoza, defendeu que á hora de analizar o estado dos ríos ademais dun "discurso científico" é tamén necesario "un discurso emotivo". Na súa opinión, o concepto de "nova cultura da auga" quere chamar a atención sobre a condición dos ríos como "patrimonio da memoria e da identidade" e buscar un punto de equilibrio entre o uso e o abuso das canles fluviais.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto