 
Dentro do ciclo Mulleres no Tempo, a Agrupación Teatral Furafollas presenta unha vez máis unha peza de Troleiros de Provença, neste caso Peregrinas. O día 21 de marzo, ás 20 horas acontecerán dúas cousas importantes: o cambio de estación astronómica e o comezo da peregrinaxe.
Que mellor xeito de celebrar a chegada da primavera? Peregrinas é unha nova entrega do ciclo que o grupo de teatro vén facendo ao longo do curso 2006-2007. Que viaxe agarda a quen se atreva a acudir á cita? A cita desta vez é diante da Pedrera, ás 20 horas. Que teñen que ver as Compostelanas con Gaudí?
  Sempre se dixo que a peregrinación é un dobre camiño: o físico, esixente, suorento, e o interior, duro e introspectivo. Neste caso, a actuación do grupo Furafollas é unha metáfora deste dobre vieiro. 
  Ás 20 horas, diante da Pedrera, troleiros e público iniciarán o transcendente itinerario que leva da Casa Milà até a Galería Sargadelos. Trátase de coñecer o esforzo físico que require toda experiencia iniciática. Ao son de gaitas e cantares de cego, espérase vivir a emoción das andareiras mentres atravesan xeografías e paisaxes diversos, a ilusión de chegares a Galicia, a entrega ao divisar Compostela, o premio da Compostelana.   
  Unha vez na Galería Sargadelos chegan os intres da reflexión. A viaxe íntima farase sentindo os bailes de María Balteira, a valentía de María Soliña. E todo nos tempos de María Castaña. O interior cálido e acolledor da Galería Sargadelos é a hospedaría onde as que camiñan cara ao solpor pasan a última noite antes de entrar na Catedral de Santiago. O nerviosismo, as ganas de chegar e a superación dos atrancos. Alí as peregrinas da vida encherán os miolos da xentada con exemplos de soldadeiras, artesás, monxas, compoñedoras. 
  A actuación comeza esta vez ás 20 horas diante da Pedrera. A segunda parte, recollida e devota, comezará polas voltas das 20.30 horas. Recoméndase a asistencia a tal fenomenal evento e traer a vestimenta apropiada para peregrinar (absterse manequíns de Coronel Tapioca). 
  ACTUACIÓN DE FORAFOLLAS 
  Peregrinas 
  Horario e lugar:   
  Ás 20 horas do mércores 21 de marzo, diante da Pedrera.   
  Logo, na Galería Sargadelos ás 20.30 horas.   
  --- 
  Casa Milà - La Pedrera 
  Provença, 261 / Passeig de Gràcia 
  --- 
  Galería Sargadelos Barcelona 
  Provença 274, 08008 
  Tel.: 93 215 03 68 
  --- 
  Furafollas e Sargadelos Barcelona son membros de Rede.cat.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto