 
De Alaska a Zanzíbar, pasando por Gales ou o Quebec. Galiza poderá competir con estes ou outros países nuns Xogos para os que Cataluña prepara a primeira edición en 2010.
 
											O goberno catalán propón que o COI lidere a iniciativa
O Comité Olímpico Internacional amosou esta semana o seu interese polo proxecto promovido desde a Generalitat. A organización duns Xogos onde compitan seleccións de nacións sen Estado non será obstaculizada polo COI. Máis aínda, no documento que o vicepresidente da Generalitat, Josep Lluís Carod-Rovira, lle entregou en Lausana ao presidente da institución, Jacques Rogge, o goberno catalá proponlle ao COI que asuma o liderado desta competición, convite ao que aínda non respondeu formalmente o Comité.   
  No dossier entregado por Carod a Rogge faise mención ao exemplo de países que poderían participar nesta competición, unha lista de máis de medio cento que a nivel estatal só inclúe a Cataluña e Euscadi. Desde a vicepresidencia do goberno catalá non ven ningún impedimento para que Galiza poida participar no seu momento nestes Xogos, ben a través do propio convite que a Generalitat poida facer ou a través dunha solicitude da administración galega.   
  Desde a Generalitat explican que o documento se baseou na lista de "países deportivos" que teñen federacións á súa vez integradas directamente na federación internacional da especialidade correspondente. A listaxe inclúe tres federacións catalás e unha vasca. Con todo, a propia Cataluña conta xa con máis especialidades deportivas onde a súa selección é recoñecida internacionalmente. A Viquipèdia catalá menciona por exemplo o fútbol sala, o fútbol australiano, o raquetbol, o corfebol ou o Pitch and Putt.   
  Galiza "País Deportivo"
 Oficialmente, a Generalitat non usa o concepto de "nación sen Estado" na promoción desta iniciativa, senón o de "país deportivo", co cal o nome da competición sería o de "Xogos de Países Deportivos".   
  A idea de "país deportivo" foi definida en 2003 nunha xuntanza internacional organizada polo goberno catalán en Barcelona. Segundo consensuaron os 23 países aló representados:   
  "País deportivo é calquera territorio xeográfica ou historicamente delimitado con homoxeneidade social e cultural, coas súas propias institucións políticas, independentemente de calquera recoñecemento político internacional. Tal territorio ten o seu propio sistema deportivo coas súas organizacións deportivas promovéndoo, xestionándoo e regulamentando, e agrupando democraticamente a maioría de federacións, clubes, asociacións e deportistas dentro do seu territorio" 
 
						 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto