 
 
O presidente da construtora manifestoulle ao titular do goberno a súa vontade de seguir a colaborar e a investir en Galiza.
O presidente do goberno, Emilio Pérez Touriño, mantivo no mediodía da terza feira un xantar de traballo co novo presidente de Fadesa, Fernando Martín. O responsábel da compañía expresou a vontade de colaboración da empresa co Executivo e o seu compromiso con Galiza.
  Neste senso, Martín manifestoulle a Pérez Touriño que a sede social da compañía permanecerá na Coruña, e que proseguirá a súa colaboración con diversas entidades sociais, culturais e académicas galegas. Ademais, explicoulle os plans previstos para a nova etapa da sociedade e os asuntos relativos ao potenciamento dos investimentos de Fadesa no país. 
“Buque insignia” do sector inmobiliario
Pola súa banda, o presidente da Xunta valorou a boa disposición de Fernando Martín de cara á esta nova etapa que inicia a compañía. Touriño salientou o significado que Fadesa ten para Galiza, e aplaudiu o feito de que se manteña a galeguización da empresa, á que cualificou de “buque insignia” do sector inmobiliario galego. 
   Ademais, o titular do Executivo pediulle a Martín que siga a potenciar o perfil e a singularidade propias da empresa, ao tempo que lle desexou o mellor dos éxitos nesta etapa que comeza. 
Por último, o presidente da Xunta manifestou a súa intención de seguir traballando a prol dunha Galiza atractiva para o investimento das empresas.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto