 
 
O voceiro de Batasuna sinalou que Abertzale Sozialisten Batasuna é un "paso" para facilitar o "proceso". O goberno español ve "indicios de ilegalidade".
O portavoz de Batasuna, Arnaldo Otegi, asegurou esta corta feira que a esquerda abertzale "cumpriu escrupulosamente a Lei de Partidos", respecto ao rexistro da nova formación política, Abertzale Sozialisten Batasuna, ASB, e cualificouno como un novo "paso" para facilitar o "proceso democrático".
  Otegi realizou estas declaracións nunha conferencia de prensa na que non  admitiu preguntas, e acompañado polos membros de Batasuna Pernando Barrena, Joseba Permach, Maite Díaz de Heredia e dous dos tres membros da Mesa Nacional que rexistraron o novo partido, Marije Fullaondo e Joana Regueiro. 
  
"Partir da realidade actual" 
"Esta candidatura cumpre e cumprimenta escrupulosamente" os requisitos que estabelece a Lei de Partidos, sinalou Otegi, malia considerar que esta última é "absolutamente antidemocrática".   
O dirixente abertzale afirmou que a nova marca se crea en coherencia co principio de "partir da realidade actual". A esquerda abertzale non está propoñendo "ningún tipo de reto a ninguén". 
  
Ilegalización en marcha 
Pola súa banda, o goberno español xa puxo en marcha o proceso de ilegalización de ASB, "logo de chegar á conclusión de que había indicios de ilegalidade", segundo sinalou o ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba. Segundo este, "a mensaxe do goberno foi sempre o mesmo: para ir ás eleccións hai que cumprir a lei, quen a cumpre vai, e quen non non vai". 
O ministro do Interior español realizou estas declaracións aos xornalistas tras asistir a un almorzo do candidato socialista á presidencia de Canarias, Juan Fernando López Aguilar, que tamén contou coa presenza do ministro de Xustiza, Mariano Fernández Bermejo. 
Rubalcaba lembrou que "hai unha lei e unha xurisprudencia dos Tribunal Supremo e do Constitucional que din claramente o que hai que facer para se presentar ás eleccións, e todo o mundo o sabe; o que non vale é dicir: ben, ímolo intentar".
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto