 
Os concertos das diferentes salas galegas, o festival Panxea en Carballo e a nova mostra do CGAC son algunhas das propostas desta semana festiva.
 
											Cartel de Panxea
Entre procesión e procesión, aínda haberá tempo para asistir a algunhas actividades durante a Semana Santa. Na parte musical, entre o xoves e o sábado a Rede Galega de Música ao Vivo promove dezaseis actuacións, e as salas do país organizan, polo menos, vinte e seis máis. 
  Xoves 5 
Rádio Filispim, a emisora libre da comarca de Trasancos, celebra a cuarta edición da súa festa Conspirando por umha rádio livre, ás dez e media da noite na sala DZine de San Sadurniño. Tocarán ao vivo o grupo de rock ferrolán La Sentina, soará a fusión ribeirense dos Chiquilicuatres, animarán a noite os picadiscos Filispin@s e haberá moitas sorpresas e concursos. 
  DJ Charlie e o alemán Sash! estarán na discoteca Mami da Manchica, Ourense. En Portonovo, na sala Woodstock tocarán Dr. Funkstein, e en La Cúpula de Vértigo, en Lugo, actuará IAN. 
  O MC portugués Mundo, membro do grupo Dealema, estará esta semana de xira por Galiza. O xoves actuará en Vigo, na Fábrica de Chocolate; o venres, en Pontevedra, na sala Karma, e o sábado, en Lugo, no club Clavicémbalo.  
  Venres 6 
A sexta feira en Vilagarcía haberá dous concertos: no Samá Samá estarán Lactantes, a iso da unha da madrugada, e no pub Gael tocarán Preachers of Rock'n'Roll, ás once, e repetirán o día seguinte, ás dez e media, na Baldosa, na mesma vila. En Vigo, Fallen Sentinel toca na Fábrica de Chocolate e, en Xinzo, no pub Clan, actuarán Niño y Pistola. 
  A sala DZine de San Sadurniño recibe a Taru e os Paxaros de Coiro, a Xolda de Pontevedra a El Komité del Zementerio Vecinal e L Sebe, e o bar Beni de Bueu a Ente e Level Over, ás dez e media. 
  Fin de semana 
Tres actuacións en Vigo: RIX e Saldos Arias na Fábrica de Chocolate, Minim na Iguana Club e Tokyo Dragons na Planta Baixa. En Ferrol, Retobato estará na Fundaçom Artábria, e Ente e Myself chegan ás dez ao pub Boo Peitoo. 
  O Playa Club da Coruña terá o sábado a presentación de Caminos Cruzados ás doce da noite. No pub A Selva, de Santa Comba, actuación de Rockin' 13 e de The Cads, e Jabón Blue achegarase ao Hipnoise de Burela. Xa o domingo, Band del Palo e Essencia de Lapo irán ao Aturuxo de Bueu, The Chelsea Smiles á Fábrica de Chocolate de Vigo, e Dr. Bourbon estará na Moaña Sonora da sala Salitre. 
  A listaxe de concertos da Rede Galega de Música ao Vivo para a quinta e sexta feiras e mais para o sábado pódese consultar na súa web. 
  O pan une o mundo 
O venres e o sábado vaise desenvolver nunha carpa a carón do pazo da Cultura de Carballo o Panxea Festival. A iniciativa en solidariedade co pobo saharauí contará con proxeccións, concertos, actuacións de todo tipo e obradoiros. Ás cinco da tarde veranse os documentais Cabo Verde. Sabi, de Manolo Maseda, a sexta feira, e En tierra prestada, de Alejandro Zapico, o sábado. Tamén haberá os dous días circo na rúa, obradoiros desta especialidade e unha chocolatada o sábado ás sete da tarde. 
  O prato forte musical do festival será á noite, con concertos de entrada voluntaria. O venres, a partir das nove, tocarán Raigañas, Batuko Tabanka e Fol de Veneno, seguidos de queimada de balde para todos os asistentes. O sábado, ás dez, actuarán Malvela, Fía na Roca e Kepa Junkera. 
  Máis cosmogonías 
En Compostela, o CGAC inaugura o xoves a segunda mostra de Mapas, cosmogonías e puntos de referencia. Até o día 29 de abril, expoñeranse obras de artistas como Christian Boltanski, Mónica Alonso, David Rosenfeld, Erwin Wurm ou John Coplans. Amosarán o corpo como protagonista da arte de finais do século pasado. 
  Entre as pezas que se amosarán atópanse obras das coleccións do propio CGAC e mais de ARCO. O proxecto Mapas, cosmogonías e puntos de referencia parte do fracaso dos criterios que se empregaban tradicionalmente para estruturar unha colección, e apostan por tres eixos temáticos. A primeira parte tratou sobre as dimensións fantástica e sociopolítica da arte, agora a segunda versará sobre o corpo como grande protagonista e, a partir do 4 de maio, será a arte como representación o fío condutor da terceira mostra, até o 3 de xuño. 
  Documental de estrea 
E para quen prefira pasar a tarde do sábado na casa, a Galega estreará no seu espazo Galicia Documental o traballo Rol, de Adrián Pino. O documental, de 50 minutos de duración e gravado entre Compostela, A Coruña, Verín e Vigo entre setembro e outubro do ano pasado, baséase na partida de xogo de rol ao vivo Irmandiños: A Revolta, que organizou a Vicepresidencia da Xunta. 
  O filme presenta a preparación e o desenvolvemento do xogo e pretende introducir o público no mundo do rol, explicando en que consiste e cal é a realidade social que o envolve. Conta con testemuños de xogadores, empresarios, psicólogos e educadores, entre outros.
 
						 
						 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto