 
O Concello de Moaña acolle a segunda edición deste campionato, que reivindica a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no mundo do remo.
"Malia os obxectivos conseguidos neste último ano, segue a existir unha gran incomprensión por parte dos clubs de remo cara ás medidas que buscan estimular a participación feminina nos deportes de remo". Vitoria Iglesias, presidenta da Marcha Mundial das Mulleres -organización promotora da bandeira-, defende as políticas de discriminación positiva para motivar unha maior presenza das mulleres en deportes como as traiñeiras, traiñeiriñas e bateis. 
  Durante o último ano, grazas a loita das propias remeiras e dalgúns dirixentes e clubs de remo e co apoio da Marcha Mundial das Mulleres, do Servizo de Igualdade e da Dirección Xeral de Deportes da Xunta, conseguiuse o recoñecemento oficial das categorías femininas de bateis, traiñeiriñas e traiñeiras a nivel estatal (desta última, xa o había a nivel nacional), e a realización dos campionatos galegos de bateis e traiñeiriñas. 
  
A pescada que morde a cola 
"Antes, argumentábase que non se podían organizar campionatos oficiais debido a pouca participación feminina. É a pescada que morde a cola, unha cousa leva a outra. Realizando probas oficiais é o mellor xeito de que as mozas se apunten a este deporte", sinala Vitoria Iglesias. 
Segundo esta, existen diferentes formas de pór en pé de igualdade o remo feminino e o masculino. Así, avoga pola creación de bandeiras específicas ou o pago de desprazamentos -como ocorre noutros deportes.   
Ademais, dende a Marcha Mundial das Mulleres saliéntanse cal son as principais eivas que existen actualmente para acadar esta igualdade: menor número de mulleres remeiras, ausencia de mulleres na dirección, organización e xestión de clubs e Federación, menor difusión nos medios de comunicación, a consideración dos deportes femininos como non profesionais. 
  
Bandeira de Moaña 
O vindeiro domingo terá lugar en Meira, no Concello de Moaña, a II Bandeira de Traiñeiriñas Marcha Mundial das Mulleres, que organiza o Samertolameu de Remo. Polo momento sete clubs presentarán os seus equipos e, tendo en conta a boa aceptación da última edición, agárdase unha importante presenza de público. 
  
Este xoves, ás 13.30 , será a presentación oficial do campionato na Casa do Concello de Moaña.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto