 
Do 11 ao 19 de maio a música, o cine e a banda deseñada do país danse a coñecer na cidade do Texo.
 
											Logotipo do Centro de Estudos Galegos
Unha mostra da cultura galega poderase ver durante os vindeiros días en Lisboa. A longa semana, que levará o nome de Portugalizando, está organizada pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, que depende da Consellería de Cultura, coa colaboración da Cátedra de Estudos Galegos e o Instituto de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa, e servirá para celebrar o Día das Letras no país veciño a tempo que se estreitan as relacións entre as dúas terras. 
  O primeiro acto de Portugalizando será a inauguración dunha mostra de banda deseñada galega, prevista para a sexta feira ás sete da tarde, hora portuguesa. Na exposición apreciarase a evolución do cómic do país dende os anos 70, con autores como Dudi, Álvaro de la Vega, Norberto Martínez ou Primitivo Marcos. Ademais, desenvolveranse obradoiros para escolares e visitas guiadas. 
  Durante o resto da semana desenvolveranse conferencias sobre a chegada de inmigrantes galegos a Lisboa, no século XVI; actividades culturais, como o desfile de xigantes e cabezudos da compañía Viravolta ou unha actuación de Mamá Cabra para os cativos; proxeccións de curtametraxes, e un debate sobre o patrimonio cultural galego-portugués. 
  O Día das Letras conmemorarase cun recital poético coas voces de Chus Pato, Helena de Carlos e María do Cebreiro, acompañadas da cantante Uxía Senlle e do pianista Paulo Borges. Despois haberá un concerto de Narf, Marcos Teira e Pepe Sendón. O amplo programa pódese consultar ao completo na web da Universidade Nova de Lisboa.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto