 
A xunta provincial do partido evitou que a saída de Cacharro do primeiro plano vaia acompañada de expediente sancionador.
"Eu miro ao futuro, e no futuro o que está no partido é o que quere estar", argumentou Xosé Manuel Barreiro sobre o posíbel castigo a Francisco Cacharro polos seus presuntos manexos de precampaña  no contorno dalgunhas candidaturas independentes na provincia e as súas declaracións recentes pedíndolle responsabilidades á dirección do partido polos malos resultados en Lugo.   
  
  Xa que logo, o PPdeG amarra forte o liderado de Barreiro no ámbito lugués para evitar que a perda de cota electoral abra máis feridas e curta a posibilidade de que os sectores críticos poidan organizar   resposta. Xosé Manuel Barreiro terá a responsabilidade a curto prazo de recompoñer a estratexia do PPdeG lugués e o esmorecente barón popular apurará as súas últimas semanas á fronte da Deputación de Lugo sen que o partido lle turre directamente das orellas.   
  
  Por outra parte, Francisco Cacharro podería prolongar algúns meses máis a súa estadía no sillón deputacional se o PSdeG segue adiante co recurso presentado contra o resultado das eleccións no Concello de Palas de Rei. Se a xunta electoral non falla ao seu favor, os socialistas recorrerán á vía contenciosa por mor da anulación de dezasete papeletas nunha das mesas deste municipio. A lea bloquearía a constitución da Deputación que podería non renovar asentos até o próximo mes de novembro.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto