 
Organizará unha xornada para sufragar os gastos derivados da denuncia que lle interpuxo Cámara Oscura por ter proxectado Terra negra.
O Cineclube de Compostela terá que pagarlle á produtora Cámara Oscura 250 euros, máis xuros e custos, por dereitos de exhibición do filme Terra negra, tal e como decidiu o xuíz Pablo González Carreró Fojón.  A pesar de que o club compostelán tiña permiso expreso do director da fita e carece de ánimo de lucro, o xuíz estimou o 30 de maio a denuncia da produtora. 
  Para afrontar os gastos e procurar novas estratexias que lle permitan seguir coa actividade, o Cineclube vai organizar o 6 de xullo unha xornada de defensa da cultura libre. Aínda que acatan a sentenza, os representantes da entidade non comprenden por que entender a cultura como algo aberto se pode considerar ilegal. 
  A defensa argumentara o dereito elemental de acceso á cultura e o boicot que a produtora lle fixera ao filme, pero o maxistrado optou por darlle creto a Cámara Oscura, que expuxo que a proxección estivera aberta ao público e que a fita non fora estreada comercialmente. A pesar disto, o produtor de Terra negra, Pablo Llorca, recoñecera no xuízo que non tiña pensado proxectar a película en ningures.   
  Os membros do Cineclube afirman que, se os acusan deses delitos, entón decláranse culpábeis, e insisten na súa intención de levar á cidade “os títulos roubados á cidadanía polos circuítos comerciais, por abrir a nosa programación ao público máis amplo posíbel e por facer todo isto de balde”. Así, a programación do Cineclube de Compostela seguirá adiante, despois dos numerosos apoios e mostras de solidariedade recibidos. 
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto