 
Coa arela de sensibilizar sobre a importancia do silencio na movida capital catalá, os músicos farán música con notas silenciadas.
Asistir a un concerto silencioso ao aire libre non é algo que se adoite agardar en ningures dunha festa de barrio, pero no balbordo do centro histórico de Barcelona, provocado por propios e alleos, a proposta artística dun concerto silencioso, se cadra, teña o seu lugar. Na cidade condal, na que a globalización turística marcha vitoriosa -se cadra a deslocalización das despedidas de solteiras e solteiros da man das compañías aéreas low cost non sexa unha simple anécdota- o aprecio do silencio non e algo gratuíto. 
  
  Así, non estraña que xurdan estas iniciativas, populares e non -apoiadas polo concello barcelonés-, de espectáculos complicados de entender dende unha clave festiva ou popular, pero que cadran cunha sensibilidade poética do valor do silencio que pode ser moi apreciada polos fregueses que padecen o ruído continuo da cidade vella barcelonesa. 
  
  O "Petit Concert Silenciós" na Plaça Sant Agustí Vell no serán do mércores 27 de xuño, ás 20.30 h, vai a cargo do artista Tres, que centra a súa experimentación artística ao redor do silencio. No mesmo espazo haberá unha exposición de comercio xusto, farase un espectáculo infantil e tamén se poderá asistir a un concerto de música tradicional brasileira interpretada por Silênio Oliveira e o grupo Olho d’Água, ás 18.15 h. A xeira, organizada por Xarxa de Consum Sol·lidari e mais o Observatori Permanent per a la Convivència, remata coa III Festa do Comercio Xusto e con degustación de mojito e de caipirinha. 
  
  Será no contexto da festa maior do alcumado "Casc Antic" de Barcelona, recentemente renomeado polas autoridades municipais, con criterios históricos e lingüísticos máis axeitados coma barrio de "Sant Pere, Santa Caterina i la Ribera". O étimo "Casc" non deixaba de ser unha adaptación diglósica do castelán "Casco Viejo", pouco acertado para nomear unha parte da cidade vella, máis tendo en conta que o apelativo de "vello" tamén se podería engadir ao "Raval" e ao "Gòtic", este e último realmente o máis antigo por ser o espazo coincidente coa orixinal Barcino romana. 
  
  Mércores, 27 de xuño, P. Sant Agustí Vell. 
  
  18.15 h, Música popular brasileira a cargo de Silênio Oliveira e o grupo Olho d’Água 
  
  20.30 h. Petit Concert Silenciós, a cargo do artista TRES. Programa: 
  
  - Marxa fúnebre. Funerals d'un gran home sord (Alfons Allais, 1897) 
  - 4'33" (John Cage, 1952) 
  - Cherchebruit (Tres, 2007) 
  - El diccionari s'equivoca (Tres, 1992) 
  
  Consulta o programa completo aquí.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto