 
 
O 39% dos mozos galegos desta idade mantén relacións sexuais 'de risco'
 
											Os centros Quérote achegan información e asesoramento sobre sexualidade
O director xeral de Saúde Pública, Ramón Medina, manifestou esta cuarta feira que o 39% dos mozos de entre 15 e 19 anos recoñece que mantén prácticas sexuais 'de risco', e lembrou que o 50% de rapaces comprendidos entre estas idades xa tivo relacións algunha vez, adiantándose a súa idade de inicio, e unha media de catro parellas ao ano. 
Medina revelou estes datos no acto de entrega dos premios webquest, actividades de ensino sobre educación afectivo-sexual baseadas na internet, a profesores de infantil, primaria e educación secundaria. 
  
Vou ter un irmán!, mais como? de Belén Vázquez e Así nacemos de 'Felo' foron os premiados na categoría de infantil e primaria; mentres que Amar na diversidade, vivir na igualdade de Marcelino Veiguela e Esther Mato e E agora que? de Cristina Sacristán, gañaron en ensino secundario. Os primeiros premios por cada categoría consisten nun ordenador portátil e os segundos nunha PDA. 
  Sexualidade satisfactoria e responsábel 
Os contidos destas páxinas de ensino abranguen cuestións como a prevención de infeccións de enfermidades de transmisión sexual e do embarazo non desexado; previr o sexismo, a homofobia e á violencia; ademais de fomentar a aceptación da diversidade. 
Trátase de incidir na dimensión da construción da identidade persoal, dos afectos e emocións, e da igualdade entre homes e mulleres, así como conseguir que a xuventude do país teña unha vivencia da sexualidade "satisfactoria e responsábel", segundo se indicou dende a Consellería de Sanidade. 
Neste senso, Medina indicou que o Plan de Saúde 2006-2009 e o Plan de Atención Integral á Saúde da Muller recollen como prioridade a educación afectivo-sexual e salientou "a importancia de diminuír as enfermidades de transmisión sexual e embarazos non desexados".
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto