 
Un ano despois de que o goberno estremeño cualificase o convite galego á colaboración cultural de "delirio imperialista dos nacionalistas", o vicepresidente da Xunta inaugura na localidade cacereña de San Martiño de Trebello un curso sobre A Fala de Xálima.
 
											"Só queremos ofrecer unha man de amigo e a nosa colaboración para un ben tan simbólico e importante como o mantemento dunha lingua como é a fala", explicou Anxo Quintana durante a súa intervención na vila cacereña de San Martiño de Trebello. Aló, e acompañado polo rexedor local, Máximo Gaspar, e por Ana Pérez, alcaldesa do veciño concellos de Valverde do Fresno, e por Antonio Bellanco, alcalde de Ellas, Quintana destacou o vencello de Galiza con estes tres enclaves onde se fala galego.   
  
  "Galiza estará sempre interesada en estreitar relacións con todos os pobos e especialmente coa comunidade estremeña coa que“un dos seus sinais de identidade nos une e nos vencella estreitamente", comentou o vicepresidente. Foi así que propuxo avanzar na colaboración entre administracións coa que reforzar "o labor dos propios falantes da lingua", co obxecto de manter vivo "ese patrimonio que diferenza e enriquece a un territorio".   
  
  Un ano desde o enfado do goberno Ibarra 
  "A administración galega nunca tivo nin terá interese imperial", expresou o vicepresidente da Xunta, lembrando o escasamente diplomático comunicado que o goberno estremeño publicaba hai algo máis dun ano, onde se lía entre outras cousas que "a Junta de Extremadura rexeita as fantasiosas premisas sobre as que se asenta o delirio imperialista dos nacionalistas galegos".   
  
  O goberno daquela liderado por Juan Carlos Rodríguez Ibarra respondía en abril de 2006 á petición do BNG no Parlamento galego, onde por aqueles días propoñía instar ao Goberno a que as axudas ao uso da lingua no exterior incluísen o Val das Ellas. "Sería absurdo que mentres Galiza e este val se identifican, as súas institucións se sintan distantes ou enfrontadas", sinalou Quintana este martes. 
 Fernández Vara asegura que non haberá confrontación sobre o Val das Ellas 
  Na mesma xornada, o vicepresidente da Xunta tivo tamén unha reunión co actual presidente da Junta de Extremadura, Guillermo Férnandez Vara. O relevo de Ibarra á fronte do goberno estremeño afirmou que o Val das Ellas "temos que convertelo nun motivo de aproximación e cercanía". Ao fío, falou da "dimensión económica" que na súa opinión ten para Estermadura o feito de deixar "as portas abertas a Galiza", destacando o grande interese que existe no seu goberno pola "colaboración económica e política" co noso país. "As linguas non son limitantes. A fala será o que queiran os habitantes do Xálima, e nós comprometémonos a axudar a preservala e mantela", dixo Fernández Vara. 
  
  Aproveitando a súa viaxe a Estremadura, Anxo Quintana comentou ademais que iniciativas como a desta visita "non deberan entenderse como un asedio imperialista"  senón como "unha oferta de colaboración coas administracións e a sociedade civil de aqueles territorios nos que se fala o galego ou algunha variante". "Trátase unicamente dunha proposta de traballo en rede, para adecuarse á realidade e á complexidade da sociedade actual nun terreo especialmente propicio, pois as linguas non respectan fronteiras ou límites territoriais  e administrativos existentes", indicou.   
  
  Por outra parte, o vicepresidente chamou a deixarlle aos lingüistas "o papel de determinar a orixe desta lingua" e mentres a mirar porque "ambos pobos e institucións traballen conxuntamente en todo o que sexa preciso para acadar a súa conservación". "Como galego síntome identificado coa Fala, con independencia da súa orixe", destacou.
 
						 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto