O sindicato di que se pretende cubrir os postos de traballo con man de obra máis barata mentres 76.000 galegos teñen que traballar noutras zonas do Estado.
Na mañá da cuarta feira, na voz do seu secretario nacional da Federación de Servizos, Paulo Rubido, a CIG anunciou uns días de "conflitividade", se a patronal e a Xunta asinan o plan co que pretenden contratar, en moi precarias condicións laborais, a 3.000 inmigrantes para traballar na hostalaría na provincia d'A Coruña, xa que, segundo din os asinantes, os traballadores galegos "están acomodados".
Mais Rubido asegura que o que realmente fai falla, lonxe dos plans que non fan máis que precarizar o sector, é a mellora do convenio colectivo, para todo o mundo, galegos e inmigrantes, para que haxa importantes e necesarios incrementos salariais e un rigoroso control dos horarios.
"Hoxe en día hai traballadores facendo máis de sesenta horas semanais, e cobrando unha media de 750-800 euros", dixo Paulo Rubido, "non os 1.500 que di a patronal que está a pagar". "Nós consideramos que a proposta da patronal é ridícula, -en canto ao aumento salarial do 2% que propoñen-, mais tamén xenófoba, xa que pretenden excluír os traballadores inmigrantes que non teñan cotizados menos de 180 días, das prestacións de baixa laboral".
Segundo Rubido, este plan que están a piques de asinar a Consellaría de Traballo e a Patronal, pretende darlles emprego aos inmigrantes, seis meses continuados en Galiza, e logo que marchen outros seis meses para os seus países de orixe, "o que suporía que nunca chegarían a cumprir os 180 días que lles serían precisos para ter dereito a baixa". O que aquí acontece, segundo Rubido, é que hai "unha patronal tremendamente avariciosa, que o que pretende é explotar a todo o mundo; aos de aquí e aos de fóra".
76.000 galegos traballando na hostalaría española
Segundo as cifras que manexa a CIG, hoxe en día este é o número de galegos que marcharon de Galiza, e están a traballar fóra, no sector da hostalaría.
"É incrible que digan que o traballador galego está acomodado, que non quere traballar, cando están por diante estas cifras. A xente ten que emigrar na procura de boas condicións laborais", dixo Rubido, e engadiu "o que está a facer a patronal é darlle a volta a unha situación moi diferente", xa que se escuda na necesidade de novos traballadores para o sector, e quere traer 3.000 inmigrantes, que saben que "non ofrecerán resistencia", mentres son explotados. É "unha intención escandalosa a da patronal", dixo Rubida, "mais tamén a da Xunta, que vai apoiar esta medida".
"Que traballen os de aquí, os de fóra e quen queira, pero que o traballo sexa digno"
Paulo Rubido dixo que o que a CIG persegue é que o traballo no sector a hostalaría sexa digno en Galiza, e que os convenios protexan os traballadores e garantan os seus dereitos.
"O que importa é que os traballadores da hostalaría teñan dereitos, sexan e onde sexan", asegurou Rubido, "Aquí non hai enfrontamento entre os traballadores, como queren facer ver, senón un conflito cos patróns", que só procuran o beneficio propio.