 
Máis de 500 mil electores teñen cita coas urnas este domingo en Lisboa. As sondaxes prognostican a vitoria de António Costa, do Partido Socialista, quen necesitaría pactos posteriores.
 
											Complicada perspectiva a que enfrontan os lisboetas este domingo. A metade de mandato, a saída á luz dun escándalo urbanístico tinguido de corrupción puxo patas arriba o escenario político local. Agora, Lisboa afronta uns comicios adiantados onde o gañador deberá asumir a xestión dun Concello en creba con débedas por valor de máis de 1.200 millóns de euros, nunha cidade avellentada e no medio dunha crise económica.   
  
  António Costa, número dous até hai pouco do actual primeiro ministro socialista, José Sócrates, recibiu o encargo do PS para intentar o triunfo na cidade. As enquisas danlle a vitoria, aínda que non por maioría absoluta. Paradoxalmente, os analistas consideran que para gobernar podería ter que apoiarse no ex alcalde António Carmona, ex candidato conservador polo PSD, e que despois de verse tocado polo escándalo urbanístico acode como independente a estas eleccións. As sondaxes agoiran que podería mesmo conseguir a segunda posición.   
  
  O feito de que o equipo de Costa non descarte esa posibilidade é criticado especialmente desde os outros grupos, caso de por exemplo José Sa Fernandes, concelleiro do Bloco da Esquerda que gañou gran protagonismo durante a denuncia do caso de corrupción. Tampouco parece probábel que Costa poida pactar coa deputada Helena Roseta, deputada e compañeira até hai pouco no PS, pero moi crítica co seu partido, que abandonou o pasado mes de maio para presentar a súa candidatura como independente nestes comicios. Xa que logo, o acordo máis factíbel semella o que uniría as forzas de PS e Partido Comunista Portugués, PCP, que presenta a Rubem de Carvalho como candidato.   
  
  Por outro lado, o PSD escolleu para estes comicios un candidato de transición, o deputado Fernando Negrão, quen hai tempo deixara, no medio doutro escándalo, a dirección xeral da policía xudicial portuguesa. Máis á dereita aínda, o CDS-PP presenta a Telmo Correia, ex ministro de Turismo.   
  
  No Público: António Costa: "Com ou sem maioria não virarei a cara"
 
						 
						 
						 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto