"Desde as polémicas rifas entre historiadores, filólogos e políticos, até as posturas máis desdramatizadoras dos propios habitantes destas zonas". Reflexións diversas no documental que a Galega estrea este mércores, achegando posicións variadas sobre o feito de que "as divisións administrativas non coincidan moitas veces coas lindes culturais". O traballo está producido por 
Pasacana Films e o guión e a dirección é de Rubén Pardiñas.   
  Inclúe entrevistas cos habitantes de vilas e aldeas como Vilafranca do Bierzo e Ponferrada  (León),  Ibias e El Franco (Asturias), Hermisende e Lubián (Zamora) ou Castro Laboreiro (Portugal). "Hai desde quen explica nun galego impecábel que el non ten nada que ver coa cultura galega até quen reclama a anexión a Galiza", explican os produtores.     
  Recóllense tamén declaracións de persoeiros como Xosé Manuel Beiras ou Manuel Fraga; escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, Anxo Angueira ou Xavier Frías Conde; os filólogos Francisco Fernández Rei ou Xosé Lluís García Arias e os presidentes da Real Academia Galega e da Academia de la Llingua Asturiana, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Ana Cano.