 
 
Os novos propietarios do grupo inmobiliario aseguran que polo de agora o traslado só lle afecta a medio cento de directivos. Prometen ademais que non haberá despedimentos "masivos".
"Dende o punto de vista da carga de traballo, volume de emprego e sede, non se debe variar o que comprometeu Fadesa no seu día", explicou o presidente da Xunta este mércores. Emilio Pérez Touriño revelou que os novos propietarios, Martinsa, comunicaron que de momento a parte operativa de Fadesa segue na Coruña. 
  
  "Non haberá traslados forzosos nin expedientes de regulación de emprego", afirmou, recoñecendo con todo que a empresa xa avanzou que até medio cento de persoas integrantes do equipo directivo deberán trasladar a súa residencia da cidade herculina a Madrid. Así e todo, Touriño recoñeceu a "preocupación" do Goberno pola estratexia da empresa cara ao futuro.   
  
  Os sindicatos lamentan o "desmantelamento" da empresa 
  Desde a CIG lembran que o inicio do presunto "desmantelamento" de Fadesa coincide co primeiro proceso electoral que debería finalizar coas votacións ao comité de empresa o próximo día 5 de setembro. Por iso, piden que se respecte o proceso "antes de tomar ningunha medida que lle poida afectar ao cadro de traballadores", de xeito que o comité de empresa poida ter voz nas futuras negociacións.   
  
  Por outra parte, o sindicato cualificou de "hipócritas e oportunistas" as declaracións do alcalde da Coruña, Xavier Losada, quen comentara que a venda da inmobiliaria supuña "unha boa noticia para A Coruña e Galiza". Así, pídenlle ao rexedor coruñés "a máxima firmeza" na defensa dos postos de traballo de Fadesa "no noso país".
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto