 
O conselleiro de Presidencia e o actual rexedor vigués xa se enfrontaran polos detalles do proxecto hai máis dun ano. Agora, o modelo de colaboración Vigo-Pontevedra reedita o enfrontamento.
A lea na que enredan desde hai meses Xosé Luís Méndez Romeu e Abel Caballero tivo outros episodios conflitivos. En marzo de 2006 xa transcenderan publicamente as súas dispares opinións ao fío do borrador presentado daquela pola Consellaría de Presidencia para a futura área metropolitana de Vigo, que naquela altura contemplaba única e exclusivamente á cidade olívica e os  municipios máis próximos do contorno comarcal.   
  
  Actuando desde a Autoridade Portuaria coma o potencial candidato á alcaldía que daquela o PSdeG  aínda se resistía a presentar publicamente, Abel Caballero reaccionou con belixerancia á proposta de Romeu, pedíndolle directamente que retirase o borrador e que o proceso ao completo se iniciase desde cero.   
  
  Caballero aspira a liderar o proxecto 
  Reprocháballe Caballero a Romeu que non se despregase un amplo diálogo con forzas políticas, alcaldes e axentes económicos e sociais para presentar un borrador abondo consensuado. No fondo, o descontento polo seu propio illamento, dado o peso da propia Autoridade Portuaria, e sabedor Romeu de que o presidente do ente portuario estaba chamado a ser o candidato socialista á alcaldía.   
  
  Desde a alcaldía, o contorno de Abel Caballero agardaría agora o deseño dun proxecto que garanta un área metropolitana forte e con ampla dotación de competencias á fronte da cal estaría o propio alcalde de Vigo, quen presidiría un organismo con elevada capacidade de manobra nun área de influencia que abranguería até 28 municipios da zona.   
  
  O enfrontamento actual volve colocar as posicións no mesmo lugar. Con Caballero desafiando a Presidencia, loita para a cal asegura contar co apoio do presidente, Emilio Pérez Touriño, quen xa en 2006 saíra en defensa do agora rexedor, obrigando a Méndez Romeu a meter no caixón o seu proxecto. O proceso semella similar desta volta, cun conselleiro que deberá apandar coas esixencias  desde o ámbito municipal vigués, desde onde se aspira a pilotar estreitamente todo o proceso.   
  
  O eixo Vigo-Pontevedra, adiado indefinidamente 
  
  Nese contexto, as posíbeis sinerxias co contorno comarcal de Pontevedra agardarían a unha fase moi posterior. Malia a receptividade existente agora mesmo na cidade do Lérez para aproveitar as posibilidades dun proxecto común, o alcalde de Vigo subliñaba este xoves en público a súa posición ao respecto: "Será dentro de bastantes anos", e engadía, "cando probablemente eu xa non estea aquí". Ao tempo, o rexedor vigués insistiu na súa intención de liderar o debate cos concellos próximos para que antes de que remate o ano exista un borrador que goze de amplo consenso.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto