 
 
Coincidindo coa celebración da Semana Mundial da Lactación Materna, 10 asociacións galegas de axuda á lactación materna xúntanse en Compostela.
O sábado naceu a Federación Galega de Asociacións de Apoio á Lactación Materna (Fedegalma). No Auditorio do Museo do Pobo Galego asinouse o primeiro acordo deste tipo que se sela en Galiza, polo cal os membros de cada unha das 10 asociacións han traballar xuntos e xuntas neste proxecto.
Na constitución da Fedegalma estiveron representantes das 10 asociacións fundadoras: Achuchar, de Ribeira; A Peito, de Ponteareas; Asociación de axuda á lactación Materna BBTTA, de Narón; Bico de leite, de Lugo; Chuchamel, de Moaña; Coliño, de Ourense; Criando, da Coruña; Deleite, de Vigo; Asociación Galega Pro-lactación Materna Mámoa, de Compostela, Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía e Cee; e Pinga Doce, de Tui.
A federación nace para estabelecer unha coordinación xeral entre as asociacións, grupos e entidades para protexer, promover e apoiar a lactación materna.  Tamén queren defender o dereito de todas as mulleres a aleitar, e o dereito das súas fillas e fillos a ser aleitados, tanto tempo como ámbolos dous desexen, xunto co dereito a recibir todo o apoio social e profesional necesario para desenvolver o aleitamento, fomentando a participación activa das mulleres en todos os ámbitos da sociedade e a conciliación da vida familiar, social e laboral. 
Teñen en mente promover e organizar actividades, programas de actuación, cursos de capacitación, centros de recursos, traballos de investigación, edición de publicacións especificas e outras iniciativas encamiñadas a dar apoio a persoas interesadas na lactación materna.
Tamén nacen para representar ás asociacións ante os organismos públicos ou privados nas xestións necesarias  para conseguir os obxectivos que xa teñen marcados.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto