 
A Federación Galega de Municipios debaterá seguir o exemplo de Pontevedra, que gravará o 1,5% dos ingresos locais de Movistar, Vodafone e Orange.
 
											O pleno da FEGAMP será o 22 de novembro
Agora mesmo so é Pontevedra, pero o resto dos 315 municipios do país poderían seguir o seu exemplo. A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) vai tratar na súa próxima xuntanza a aplicación dun imposto ás compañías de móbiles. As arcas locais recibirían o 1,5% dos beneficios que sacan as operadoras na área municipal, taxa que acaba de aprobar o Concello de Pontevedra. 
O concelleiro de Facenda, Raimundo González, explicou que Pontevedra comezará a gravar ás operadoras a partir de 2007. Segundo  La Voz de Galicia, o plan do concello é que Movistar pague 167.000 euros, Vodafone 117.000 e Orange 65.000. 
Se todos os concellos galegos aplicasen ese mesmo canon do 1,5%, recadarían uns 12 millóns de euros ao ano. 
Xa se aplica en Cataluña
A aplicación da taxa conta con precedentes fóra de Galiza. De feito, 90 concellos cataláns -entre eles Sabadell e Badalona- comezaron a cobralo este ano. Iso si, as operadoras contraatacaron cunha chuvia de recursos xudiciais,  polo de agora favorábeis aos concellos. 
Con estes precedentes legais sobre a mesa, a FEGAMP debaterá o asunto o vindeiro 22 de novembro. A favor do imposto tamén está a aposta política da FEMP (o equivalente estatal da FEGAMP), quen deseñou a fórmula legal pola que algúns concellos xa gravan ás operadoras. 
Loita entre administracións
E é que no transfundo deste taxa está a loita dos municipios por facerse cun anaco dos impostos das teleoperadoras, que ata agora recibe o Estado.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto