 
Empresarios galegos e lusos intercambian experiencias e pechan negocios esta semana en Lisboa.
"Cooperación" foi seica unha das palabras que máis se escoitaron na primeira das dúas xornadas deste IV Encontro Empresarial Galiza-Portugal organizado pola Xunta e as cámaras de comercio. O foro foi inaugurado este martes pola directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.   
  
  Os promotores subliñaron algunhas das cifras do intercambio comercial, entre outras que Galiza recibe até o 20% do total de vendas que Portugal fai no conxunto do Estado español. Da outra parte, respecto ao total de actividade que a nivel estatal se estabelece con Portugal, as vendas galegas quedan de momento no 15%. De xeito concreto, foron en 2006 até 2.174 millóns de euros en exportacións de Galiza a Portugal.   
  
  Os empresarios galegos Alberto Rocha e Francisco Canaval achegaron os seus puntos de vista sobre o estado das relacións internacionais entre ambos os dous países. Rocha asegurou que "só en encontros como estes, onde hai un acompañamento de institucións, se crea o ambiente adecuado para que os empresarios atopen respostas aos seus problemas para abordar algúns mercados". 
  
  En opinión de Rocha é destacábel a importancia que tivo Vigo como porta de entrada de Portugal ao mercado do Estado español, do mesmo xeito que aconteceu con Porto para os galegos. Para os empresarios, o sentimento de crise que se percibía entre as pemes portuguesas nos últimos anos está "empezando a desaparecer". "Accións como esta que arranca hoxe en Lisboa constatan que cada vez hai máis empresas de base tecnolóxica que queren exportar a Portugal", subliñaron.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto