 
 
A entidade tomará medidas contra as administracións, mentres os colectivos veciñais negan que a súa actitude fose racista.
A Asociación do Pobo Xitano vai iniciar unha campaña de mobilizacións para protestar pola situación que están a pasar os afectados polo derrubamento das súas vivendas no poboado do Vao, en Poio. As protestas, que terán como lema “mans brancas”, servirán para denunciar o “terrorismo racista” que lles está a afectar a esas familias. 
  Os veciños tiveron que volver ao poboado despois de que fosen obrigados a abandonar o cámping de Baltar-Portonovo onde foran realoxados provisionalmente. Alí viven resgardados por estruturas precarias e plástico e cartón, nas parcelas das casas derrubadas. Dende alí, responsabilizaron “a sociedade no seu conxunto por crear un problema para o que non teñen unha solución de antemán”. 
  O presidente da asociación Sinaí Jiménez, anunciou a posta en marcha de medidas contra as administracións implicadas no conflito, aínda que non concretou un calendario de actuacións. 
  Pola súa banda, os colectivos veciñais que se opoñen á recolocación das familias do Vao nas súas parroquias negan que sexa unha postura racista. Segundo eles, a súa actitude é preventiva porque non queren ter preto familias procedentes do que denominan “supermercado da droga”. 
  Unha destas asociacións é Río Lérez, de Pontevedra, que acaba de solidarizarse publicamente con todas as parroquias en alerta. A súa voceira, Pilar Lavia, di que se trata de realoxar as familias xitanas con garantías, para evitar os mesmos erros que fixeron que O Vao se consolidase como punto de venda de drogas.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto