 
 
Houbo lectura de poemas en recordo de quen foi referencia na loita por "morrer dignamente".
Arredor dun cento de persoas se achegou até a praia d'As Furnas, no municipio coruñés de Porto do Son, para homenaxear con flores e poemas a Ramón Sampedro no aniversario da súa morte no lugar onde sufriu o accidente que o deixou tetrapléxico. 
  
  Así, mediante unha ofrenda floral e a lectura de varios dos seus propios poemas produciuse sobre as 13.30 horas a homenaxe anual a Ramón Sampedro, coincidindo nesta ocasión co décimo aniversario da súa morte. 
  
  Ademais, Alberto Amarilla, que interpretou ao irmán Andrés na película 'Mar Adentro' que, protagonizada por Javier Bardem e Belén Rueda, e inspirada na vida de Ramón Sampedro, enviou un escrito para que fose lido durante o acto. 
  
  Pola súa banda, o secretario do colectivo Dereito a Morrer Dignamente, Antonio Batista, en declaracións a Europa Press destacou que este acto constitúe "única e exclusivamente unha homenaxe a un compañeiro". 
  
  Ramón Sampedro faleceu o día 12 de decembro de 1998 na súa casa de Boiro por envelenamento de cianuro potásico, axudado pola súa amiga Ramona Maneiro, despois de pasar 30 anos condenado a vivir nunha cama por un accidente na praia de As Furnas que o deixou tetrapléxico. 
  
  
  Aínda que nun principio se temía que a choiva formase parte da celebración, finalmente o tempo mantívose estable e "non foi necesario sacar o paraugas", segundo sinalou o propio Batista. "Todos os anos hai sospeitas de chuvia durante a homenaxe, pero ao final sempre aguanta", explicou emocionado. Como punto e final da celebración, todos os anos amigos e visitantes se reúnen nunha comida "na que sempre se comparten recordos e anécdotas". "É moi emotivo tanto para os que o coñeceron como para os que non", recordou Batista.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto