 
En Venezuela a palabra "barrio" denomina aos bairros marxinais das cidades foramados por "ranchos" (chabolas). Son o equivalente às villas miseria arxentinas, às callampas chilenas, aos pueblos jóvenes peruanos, ás favelas brasileiras. A antitese do "barrio" é a chamada polos venezuelanos "urbanización", na que reside unha clase media que representa a unha pequena porcentaxe da poboación se tomamos en conta a porcentaxe dos que viven nos bairros. Este artigo, publicado no xornal inglés The Guardian, fala da relación-aceptación dos habitantes (descualificados como "marginales" polos habitantes das "urbanizaciones") destes populosos bairros (o máis grande de Latinoamérica con máis dun millon de habitantes está en Caracas e chámase Petare) co presidente venezuelano Hugo Chávez.
O traxecto do aeroporto Simón Bolívar  ao centro de Caracas sorprende até ao máis forte dos viaxeiros. Non é que a  pobreza na Venezuela rica en petróleo manteña niveis alarmantes de acordo aos  niveis latinoamericanos. Vin casos peores en Perú; as nais con ollos apagados,  para quen un libro non é máis que unha masa intelixíbel de papel e tinta, e  nenos que "halan" (tiran) dos pantalóns, para obter a cambio unhas moedas, chorimiqueando:  "Señor, por favor, estou famento". En Venezuela, o choque non ten nada que ver  coa pobreza absoluta senón máis ben co xeito como se aprecian os contrastes  sociais ao longo da xeografía, e en particular, na altitude. 
Hugo  Chávez, o presidente socialista do país, a miúdo é culpado pola polarización  política da sociedade venezuelana. Pero o feito é que a base desta división - a  polarización de riqueza e poder- que se viviu moito antes de Chávez, móstrase a  través da paisaxe urbana. 
Supoña que vostede vai pasaxeiro camiño a  Caracas. Ao longo do camiño, indubidabelmente miraría pola xanela á súa  dereita, por onde vería moitos edificios altos e ostentosos con xanelas limpas,  algúns deles con xardíns ben coidados, que sobresaen de cada balcón coma se fose  unha exposición de flores que se elevan no ceo. Estas son as casas da clase  media. Despois, se vostede voltea e olla á súa esquerda, enfrontaríase coa  realidade que experimenta a maior parte dos venezuelanos: o bairro. 
É  imposíbel describir a arquitectura dun bairro en Caracas se se toma como  referencia a unha veciñanza pobre en Londres, Paris ou New York. Véndoo de  lonxe, é coma se deus tomase unha carretilla xigantesca chea con centos de  miles de cubos diminutos, feitos a medida e logo empezase a verter os contidos ao chou sobre as montañas. Como os cubos rodan, páranse sen orde  algún e un queda encima do outro, todos desafiando dalgún xeito a forza da  gravidade. 
Pero por suposto, os bairros foron construídos polo pobo: a  xente pobre do campo que emigrou á cidade durante o século XX. Cando chegaron,  ao non atopar casas ou terras a prezos accesíbeis, ocuparon terras baleiras e ociosas nos  cerros e comezaron a rodear a cidade cos seus ranchos (chabolas), construídos con calquera  material de que dispuñan: polo xeral unha combinación de tixolo, bloque e  lata, ou, no peor dos casos, cartón. 
A vista do balcón do meu amigo no andar 24º dun edificio, situado nun municipio de clase media en Los Dos Caminos, é abraiante. É coma se contemplase a cidade desde o alto dun faro que foi  colocado no centro dunha inmensa edificación. Hai rúas organizadas, edificios  modernos, centros comerciais relucentes, e o constante embotellamento. Ao redor  dos edificios atópanse os bairros. A tres ou catro quilómetros de onde me  atopaba atópase o bairro de Petare, un dos máis grandes en América Latina que  alberga case medio millón de venezuelanos. Pola noite, Petare reloce con luces  amarelas e brancas que brillan como as luces de miles de árbores de nadal.  
Axiña o bairro brillará con luz branca, só terá que esperar que o  programa do Goberno de substituír os vellos bombillos amarelos por brancos que  aforran enerxía remate. 
A paisaxe oferece unha dimensión física que  fai pensar que Caracas está situada sobre si mesma: mellor dito,  literalmente, a xente pobre que vive no alto observa aos ricos que habitan na  parte baixa. No que respecta o político, a sociedade venezuelana, no medio da súa  revolución socialista do Século XXI ten algúns trazos de guerra de épocas  anteriores. Aqueles que foron, anteriormente, socialmente excluídos, agora teñen  poder político; aínda que os ricos queden coa maior parte do poder económico e  ideolóxico dado que son donos de medios privados e outros negocios. 
Malia Chávez gañar 10 eleccións e referendos (inmediatamente aceptou a  derrota no referendo que perdeu), a guerra da desinformación contra a democracia  venezuelana segue incrementándose. Fai dúas semanas, un dos presentadores de  Globovisión dixo aos seus espectadores, moi seriamente que un roubo bancario en  Altagracia de Orituco era culpa de Chávez. Logo, vin un programa de entrevistas  onde tres expertos de clase alta anunciaron, sen mostrar trazos de ironía, que  eles estaban planeando unha marcha contra a "fame e a pobreza". Incríbelmente,  eles referíronse á súa fame e á súa pobreza. 
Uns días antes, eu tiña  estado facendo compras nun frecuentado supermercado de Caracas, situado nunha  zona de clase alta da cidade. A selección de produtos alimenticios, frescos,  conxelados e enlatados, apilados nas baldas, era tan abraiante como os  que se aprecian en Tesco ou Wal-Mart (supermercados británicos). O único produto  que non puidemos atopar foi o leite, que está sendo acaparado e ilegalmente  exportada a Colombia por produtores e distribuidores nun intento por violar os  controis de prezos estabelecidos polo Goberno sobre produtos alimenticios  básicos. E a pesar da esporádica escaseza, os venezuelanos de todas as clases  sociais consomen máis alimento que nunca antes. Nos bairros, os supermercados  nacionais Mercal venden alimentos á metade do prezo do mercado. 
Noutra  ocasión, pareime para comprar un café negro nun dos quiosques multiusos que están  situados ao redor de Caracas. A selección habitual de xornais en contra do  goberno estaban expostos: El Nacional, El Mundo, El Universal, El Nuevo País, así  como un ou dous máis moderados. A maior parte deles cunha historia anti-Chávez,  pero o titular que máis atraeu a miña atención foi o de Tal cual, un xornal  supostamente liberal: "¿Otra dictadura? ¡Nunca!". O ano pasado un dos seus  titulares na primeira páxina foi "Heil Hugo". Na parte inferior atopábase unha  fotomontaxe de Chávez cun bigote de Hitler. A pesar destas provocacións, nin Tal  cual nin ningún dos rotativos dereitistas máis extremos estivo suxeito algunha  vez a algunha censura por parte do goberno de Chávez. As enquisas mostran que a  porcentaxe de venezuelanos que están "satisfeitos polos seus traballos  democráticos", elevouse do 35 % ao 59 % durante a presidencia Chávez. A media  latinoamericana é do 37 %. 
En decembro, Chávez sufriu o seu primeiro  fracaso eleitoral. Os cambios constitucionais que consagrarían a democracia  participativa e eliminado o límite de períodos dun presidente, foron rexeitados  polas máis estreitas marxes nun referendo de escala nacional. Mentres que o voto  da oposición permaneceu sen alteración en catro millóns e medio, máis dunha  terceira parte de partidarios do goberno optou por ficar na casa. Expuxéronse  múltiples razóns para explicar esta abstención masiva: a escaseza de leite; os  altos índices de delincuencia e corrupción; a complexidade das propostas; a  ineficiencia burocrática; unha pobre campaña e compracencia.  
Indubidabelmente, a propaganda dos medios privados tamén xogou a seu  parte para confundir aos partidarios da revolución e reforzar o apoio á  oposición. Un home con quen falei díxome que a súa sogra, unha fiel votante  chavista, abstívose, temendo que se as emendas eran aprobadas, o Goberno  apropiaríase do seu apartamento. Revisei os arquivos do voto para a área de  clase media onde eu estaba aloxado e aproximadamente o 87 % dos meus veciños  votara contra a proposta. Con todo, sería absurdo se a oposición proxectase  demasiada comodidade ante a súa vitoria no referendo. Chávez segue sendo popular  de xeito esmagador e o Goberno é capaz de reenfocar os seus esforzos sobre a  base de que aquelas persoas que se abstiveron sairán a votar en futuras  eleccións. 
O que realmente se esconde detrás da estridente histeria  anti-Chávez (a maior parte dela financiada polo goberno estadounidense) non é  unha economía decadente ou unha represión estatal, senón a exclusión da antiga  clase dominante e os seus aliados en Washington de grupos de poder estatal.  Mentres Venezuela mantén moitos dos trazos da época pre revolucionaria,  incluíndo burocracia e corrupción, algunhas enquisas independentes demostran que  os ingresos da clase obreira e maioría pobre eleváronse nun abraiante 130 % en  termos reais. 
Pero os cambios na vida da xente implican máis que melloras no nivel de vida material. Durante unha visita que fixen á cidade de  Naiguatá na costa do Caribe, atopeime cunha das 2.000 novas clínicas que  proporcionan asistencia médica de alta calidade aos pobres de Venezuela.  Conversei con Antonio Brito, un doutor venezuelano de 25 anos que se licenciara recentemente da Escuela Latinoamericana de Medicamento en Cuba. O doutor  Brito díxome que a terceira parte dos 94 estudantes da súa clase, viñan de  comunidades indíxenas. Aqueles que se licenciaron con el, serven agora nas súas  comunidades indíxenas. Preguntei a Brito canto custaría o tratamento a un  estranxeiro coma min. "Aquí, o tratamento médico é completamente gratis,"  contestou. "O único requisito é que vostede sexa un ser humano." 
No  bairro 23 de Enero de Caracas coñecín máis exemplos da transformación que vive  Venezuela. Nunha parte do bairro, notei tubaxes de gas recentemente instalados  que sobresaían polos lados de cada casa. Os habitantes tamén están conectados co  mundo exterior. No sector La Cañada, visitei un infocentro que proporciona  formación gratuíta na área de informática e o acceso a Internet de banda larga   ilimitado en 74 terminais. Un dos facilitadores explicou que o infocentro é o  resultado dun traballo mancomunado entre o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e  a comunidade local. O Ministerio proporcionou os materiais de construción, o  apoio loxístico e os ordenadores, e a comunidade construíu o centro e elixiu o  persoal. Cincocentos infocentros similares abríronse nos bairros 
Por  suposto, a revolución socialista de Venezuela non acontece nun baleiro xeopolítico. A reaparición da multipolaridade, especificamente o rexurdimento de  China e de Rusia, creou posibilidades económicas e políticas para países do  terceiro mundo que antes serían impensábeis. Varios países latinoamericanos,  entre eles Bolivia, Ecuador e Nicaragua,    rexeitaron decididamente a ortodoxia  neoliberal e a hexemonía estadounidense, e están cooperando a través do ALBA,  outros comercios mutuos e investimentos. En Sudáfrica, a vitoria absoluta da  esquerda nas eleccións á ANC (Congreso Nacional Africano), foi en parte  inspirada polos cambios que acontecen en América Latina. 
Un lema popular  pintado en paredes en América Latina reflexa "Un Mundo Mellor é Necesario". Por  primeira vez nunha xeración, un mundo mellor tamén é posíbel.
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto