 
 
Co pacto sen pechar co grupo Mixto, o PSOE podería non conseguir que José Bono saia elixido presidente do Congreso en primeira volta.
Agárdase que todos os deputados electos para o Congreso, 350, asistan este martes á sesión de constitución da Cámara. Desta sesión debe saír a elección do presidente do Congreso, posto para o que o PSOE propón a José Bono, ex ministro de Defensa. Do mesmo xeito haberá sesión no Senado, onde o PSOE propón a Javier Rojo. Na Cámara Alta, o proceso contará ademais co protagonismo de Manuel Fraga, ex presidente da Xunta, quen integrará a Mesa de Idade previa a esta elección, na súa calidade de senador máis vello, con 85 anos.   
  
  Así, e se ben é probábel que os socialistas non teñan problemas para que Rojo repita á fronte do Senado, si terán complicado que Bono saia elixido en primeira quenda como presidente do Congreso. O perfil persoal e a coñecida frouxa sensibilidade do tamén ex presidente de Castela-A Mancha cara ás forzas minoritarias, non facilitará que consiga os apoios necesarios.   
  
  Así por exemplo, o BNG xa anunciou que se vai abster nesa votación se o PSOE non garante antes a división do Grupo Mixto para facilitar o funcionamento dun espazo que nesta lexislatura aparece integrado por once deputados procedentes de até sete formacións políticas diferentes.   
  
  A última hora do luns, o Bloque aínda exploraba as posíbeis combinacións para reforzar a súa presencia na Cámara Baixa. Na solicitude entregada aos servizos xurídicos do Congreso, os nacionalistas galegos propoñen dúas posibilidades; unha formar grupo xunto aos dous parlamentarios de Coalición Canaria, e outra facelo con Nafarroa Bai, que ten un escano. En ambos os dous casos requirirían de deputados prestados doutras formacións, xa que o mínimo establecido está en cinco deputados.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto