 
 
A Xunta crea un centro de negocios en Bruxelas para facilitar a captación de fondos e estimular que as pemes procuren oportunidades no contorno da UE.
O cambio estratéxico na orientación da Fundación Galicia Europa buscará a eficacia no afortalamento da presenza de Galiza na Unión Europea e na defensa dos intereses do país ante a UE. Esa viraxe, acordada polo padroado da institución, inclúe a revisión do funcionamento da entidade no que respecta ao apoio ás empresas. 
  
  Dese xeito, a visita do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, este martes a Bruxelas, serviu para aprobar a creación dun Centro de Negocios co que se busca "mellorar a internacionalización da economía galega, sumando as pequenas e medianas empresas aos mercados internacionais". Touriño referiuse á necesidade de contar cun "instrumento útil e potente" para impulsar a presenza internacional das pemes fornecéndolles dun conxunto de servizos para tal fin.   
  
  "Xanela única" e asesoramento 
  Deste xeito, a curto prazo, o Centro de Negocios dispoñibilizará unha auténtica "xanela única" de oportunidades para as pemes, asociando a este servizo as entidades que xa traballan en Galiza en favor da apertura das empresas á UE. Con esa fin terá tamén funcións formativas, ofrecendo cursos adaptados a pemes e prácticas especializadas en empresas.   
  
  Terá ademais un servizo de infraestruturas que negociará tarifas preferenciais para poñer a disposición das empresas galegas interesadas os servizos dun business center en Bruxelas, ao tempo que porá á súa disposición as instalacións da propia Fundación Galicia Europa. Outra liña de actuación é a xestión de servizos de tradución para as empresas que o necesiten. Por último, ofrecerase asesoramento en temas diversos relacionados coa Unión Europea desde a normativa comunitaria, con efectos directos sobre as empresas, até informacións sobre proxectos europeos, instrumentos financeiros e xestións diante das autoridades comunitarias.
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto