 
 
O vicepresidente da Xunta reclama que se manteña o 8% de investimento e a reforma do voto emigrante.
Nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, Anxo Quintana reiterou a disposición do BNG a apoiar a investidura de José Luís Rodríguez Zapatero se se materializan unha serie de compromisos. "Queremos que, ademais de palabras, haxa compromisos concretos", subliñou. Destacan especialmente dous: que se manteña o 8% de investimento en Galiza; e a reforma do voto emigrante. Quintana recalcou que se trata de "melloras" para a Comunidade galega e puntualizou que "non son peticións radicais".
Sobre a celebración das eleccións autonómicas, o voceiro nacional do BNG afirmou que o Bloque "pode afrontar" uns comicios "en calquera momento". Así e todo, manifestouse convencido de que as eleccións non se adiantarán á data prevista: "todos os galegos sabemos cando van ser as eleccións: xuño de 2009", dixo, unha data pola que avoga: "fai falta estabilidade para as institucións".
Tamén afirmou que non prevé realizar cambios na Xunta nas consellerías dirixidas por nacionalistas, co fin de manter a "estabilidade". "Non temos pensado ningún cambio", concluíu.
Núñez Feijoo "deu un paso moi perigoso e nocivo" 
Finalmente, Quintana  	considerou un "erro histórico" do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dicir publicamente que "nalgún lugar" de Galicia "imponse o galego", polo que lle advertiu de que lle pasará factura". Para Quintana, Núñez Feijoo "deu un paso moi perigoso e nocivo" para Galiza.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto