 
A iniciativa coruñesa Lili Films presenta "Viaxe a un mundo doméstico" en Barcelona da man de Rede.cat e o Ateneu Popular de 9 Barris.
Este traballo documental do dúo coruñés de Lili Films, Fernando Pujalte e Ángel Rueda, entra no salón dun fogar a través de filmacións domésticas en Súper 8, coa intención de recrear o ambiente dunha proxección caseira na que cada asistente se sinta un membro máis da familia.
A proposta dos membros desta iniciativa, que se teñen definido a si mesmos coma "enfermos do súper oito", recupera filmacións en formato Súper 8 mm, o tomavistas, bobinas que quedaran esquecidas en fallados e armarios. No seu labor de pescuda e recuperación, teñen atopado perlas como una película doméstica dos anos cincuenta sobre a recollida do berberecho, rodada en Noia, ou filmacións das fochancas da Nacional VI en 1974, feitas para denunciar o estado das estradas galegas. 
  
  Os seus documentais, como a antoloxía "El cielo del Súper 8"(2007) ou "Vidas con hongos"(2007), unha reflexión verbo da restauración de celuloide, teñen sido proxectados en Galiza e noutros xeografías, como no Festival Internacional de Cine de Las Palmas, onde tamén presentaron no mes de marzo o documental que agora traen a Barcelona. 
  
  Lili Films tamén se dedica a realizar filmacións propias cos seus tomavistas, como os documentais "A matanza", "A rapa das bestas" ou "Moción de censura", este último en relación a política municipal no concello de Sada. Os seus traballos son proxectados cunha banda sonora e cunha escenificación ideadas á mantenta para cada sesión. 
  
  Segundo anuncian os organizadores da presentación, o espectáculo pretende encher o público de humor e celuloide, deleitar a vista e o ouvido, nun ambiente doméstico no que a bata e as zapatillas serán fundamentais. 
  
  Presentación do filme "Viaje a un mundo doméstico", de Lili Films 
  
  Ateneu Popular de 9 Barris 
  C/. Portlligat, 11, Barcelona 
  
  Venres, 18 de abril, 23 h 
  
  Entrada: 3,5 €
  
  Organiza: Rede.cat, Ateneu Popular de 9 Barris
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto