 
 
Visitámolo no psiquiátrico onde vive dende hai corenta anos. Non lle gusta que o metan no "galeguismo histórico", aínda que fundase as Mocedades Galeguistas en Bos Aires e o Consello da Mocedade en Galiza.
Vive nun psiquiátrico (todo o mundo lle chama así, aínda que sexa o Centro Residencial e Rehabilitador San Rafael) que se construíu a comezos dos anos cincuenta e que segue estando igualiño que cando se abriu, a non ser porque cae a cachos. 
En medio século apenas se fixeron algunhas reformas en San Rafael. Mantense de pé, enorme como é e frío, case de milagre. Hai tempo que se vén denunciando o seu estado, e tamén o dos máis de cen internos que viven nel, pero agora está no limbo estraño das competencias, e agárdase que en breve pase de mans da Deputación Provincial de Lugo ao Sergas.
Aparece ao fondo da estrada, nun campelo ao terminar a vila de Castro de Ribeiras de Lea, no medio e medio da Terra Chá. Os afeccionados aos filmes norteamericanos de medo, dos máis malos, recoñecerían as imaxes que se van sucedendo conforme nos achegamos ao predio. Parece que estamos de volta nos cincuenta e diluvia. Hai unha hora que Antón Moreda está agardando por nós sentado na entrada, no enorme recibidor aberto onde tamén permanecen parte dos traballadores do centro.
Antón Moreda Rodríguez
Vive nel dende hai máis de corenta anos e entrou "en beneficencia" após ser operado dunha úlcera de estómago en Lugo. Despois de pasar un tempo en San Rafael, volveu para a súa casa, en San Miguel de Reinante (Barreiros, A Mariña) pero as cousas non lle gustaban como estaban alí (súa nai volvera casar, logo do pasamento de seu pai, e tiña problemas co seu home, despois vendeu a casa...), e decidiu regresar para San Rafael. Tiña 32 anos. Agora ten 71.
Pero antes diso Antón Moreda fixo abondas cousas, e segue a facelas porque, segundo di, "non quero quedar estancado". Sempre foi un home moi activo, xa dende mozo. Seus pais emigraran a Cuba e levaran o neno con eles, pero o clima non lle sentaba moi ben, e regresou a San Miguel para vivir cos avós. Neste tempo seu pai dera aviso: "que el niño aprenda castellano". Parecíalle que era a lingua que ía precisar. "Era americanista; fixera cartos en Cuba cando a guerra", vendendo a prezos altos produtos necesarios, dixo Moreda de seu pai cando lle preguntamos se fora el quen lle inculcara, se cadra, o sentimento galeguista: "O galeguismo ten dous matices, o político e o relacionado co sentimento. Podes sentirte galego, pero o importante é que ese sentimento se convirta en accións de tipo político", sentencia.
El entrou en contacto co galeguismo político en Bos Aires, cando era un mozo que traballaba na contabilidade mecanizada. Alí resucitaron as Mocedades Galeguistas, mocearon, cantaron e alí berraron "e mesmo andamos a hostias". Aquelo era "a Galiza soñada de Castelao". Eran os primeiros cincuenta.
Vídeo 1
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto