 
 
Traballará para potenciar a aplicación do I+D+i no sector, así como para impulsar a competitividade das empresas.
 
											Vigo acolle Navalia 2008
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, confirmou este martes que a Mesa do Naval constituirase na segunda quincena do mes de xuño, e que será a encargada de pór en práctica a folla de ruta acordada nas reunións da Mesa da Industria Auxiliar do Naval. 
  Blanco deu a noticia durante o acto de inauguración da Feira Internacional da Industria Naval Navalia 2008, onde explicou que a Mesa traballará para potenciar a aplicación do I+D+i no sector, así como para impulsar a competitividade das empresas. 
Durante a súa presentación, o conselleiro recordou as medidas postas en marcha este ano polo seu departamento: o convenio para ampliar a cualificación profesional dos traballadores; a achega de 3,5 millóns de euros para a consolidación de contratos das carteiras de pedidos; ou a posta en funcionamento do Centro Tecnolóxico e da Plataforma Tecnolóxica do Naval.   
Fernando Blanco referiuse ao bo momento que atravesa a construción naval no noso país, que pechou o ano pasado con 300 mil toneladas de produción e que ten carteira de pedidos deica o ano 2013, dixo. Ademais, recalcou que a consellería está "disposta a buscar alternativas para que a falta de infraestruturas non free o crecemento do sector". 
  
Xente nova que garanta a continuidade 
Pola súa banda, o presidente do Comité Executivo de Navalia, Francisco González Viñas, afirmou, en relación coa situación do naval, que "a industria auxiliar quedou pequena" e que o sector "precisa incorporar xente nova que garanta a continuidade". 
A ese respecto, pediu a chegada dunha "vaga" de rapaces e rapazas con cualificación, porque "pola contra, teriamos que reincorporar operarios de Polonia, Romanía ou Turquía". "Esa non é a nosa intención, nós queremos estabilidade no sector", precisou no entanto.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto