 
O Maio Cultural Galego de Rede.cat convida ao diálogo con Marrocos nunha mesa redonda e con Guinea-Bissau nun espectáculo de humor e música.
Dentro das diversas propostas do Maio Cultural Galego de 2008 e co gallo do Ano Europeo do Diálogo Cultural, Rede.cat promove diversas iniciativas. Entre elas, dou diálogos: unha mesa redonda sobre as relacións entre Galiza e Marrocos, no Centro Galego de Barcelona, e no Ateneu Popular de 9 Barris presentarase o espectáculo "Humor Neghro", no que comparten humor, teatro e música un galego e un guineano.
A mesa redonda "Galiza e Marrocos. Encontro na diferenza" xunta no Centro Galego de Barcelona á xornalista e filóloga hispánica Zoubaida El Fathi, directora e presentadora do Telediario español da Televisión Marroquí; a Valentín Carrera, xornalista, escritor, realizador e produtor audiovisual; e a Mohammed Chaib, deputado no Parlament de Catalunya e presidente da asociación socio-cultural Ibn Batuta. 
  
  Antes da mesa proxectarase un capítulo da serie "HANAN, de Galicia a Marruecos", dirixida por Valentín Carrera, director da promotora audiovisual Ibisatv, e realizada coa colaboración de Zoubaida El Fathi. A serie, que ten coma fío condutor unha nena galega de ascendencia bérber, Hanan, pretende xunguir os elementos humanos, económicos e culturais comúns entre Galiza e o norte de África (a pesca, o téxtil, a construción, a emigración...) para enfrontalos aos tópicos que separan os pobos. 
  
  Tomando coma punto de partida a proxección, os asistentes ofrecerán cadanseu punto de vista sobre a necesidade do diálogo entre diferentes comunidades. 
  
  O espectáculo de teatro e música "Humor Neghro", de Carlos Blanco e Manecas Costa, leva dende xaneiro percorrendo Galiza e tamén pasou por Portugal. Presentados por As Garotas da Ribeira, os artistas xuntarán no escenario o humor, a emigración e as diferenzas e similitudes das culturas que representan, Galiza e Guinea-Bissau, afastando tópicos e salientando o que as une: un mesmo xeito de ver a vida. 
  
  O polifacético artista galego Carlos Blanco, xornalista, humorista e actor, ten unha longa traxectoria que vai da radio e o teatro ao cine e á televisión. Actualmente compaxina a actividade teatral coa interpretación do Comisario Santoja na serie televisiva "El Comisario". O cantante de Guinea-Bissau Manecas Costa é un dos músicos de referencia no seu pais, do que foi nomeado embaixador de boa vontade pola Unicef. 
  
  
  Diálogos do Maio Cultural Galego 
  
  Diálogo Galiza - Marrocos 
  
  19:30 h. 
  Galiza e Marrocos. Encontro na diferenza 
  
  Mesa redonda con Valentin Carreras, Zoubaida El Fathi y Mohamed Chaib. Moderado por Xosé Luís Vergara. 
  
  Coa proxección dun capítulo da serie "HANAN, de Galicia a Marruecos" (IBISA TV) 
  
  Centro Galego de Barcelona. Sala Ferrío 
  La Rambla, 35-37. Barcelona 
  Metro Liceu (L3) 
  
  
  Diálogo Galiza - Guinea Bissau 
  
  22:30 h. 
  Humor neghro. Carlos Blanco e Manecas Costa nun espectáculo de humor e música 
  
  Presentado polas Garotas da Ribeira 
  
  Ateneu Popular de 9 Barris 
  Portlligat, 11-15. Barcelona 
  Metro Trinitat Nova (L5)
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto