 
 
No medio dunha nova fase creativa e cunha nova vocalista, a terceira que pasa polo grupo, desta volta a portuguesa Sara Vidal, responde ás preguntas Bieito Romero, de Luar na Lubre.
Luar na Lubre acadou na gala dos Premios da Música, o pasado 3 de Abril, o recoñecemento de Mellor Album Tradicional por "Camiños da fin da terra" e Mellor Canción en Galego co tema "Canto de andar".    
   Veñen así de conseguir  un pleno de oito premios en todos aqueles a que o grupo estivo nomeado.  
   Ponte...nas ondas! falou con Bieito Romero:  
  A vosa traxectoria está asociada ao recoñecemento exterior máis que en Galiza? 
   Afortunadamente non, nós tocamos en prácticamente todos os concellos da Galiza e a xente sempre amosou moito agarimo nos nosos concertos, aquí seguimos a vender unha cifra moi importante de discos e sentímonos moi recoñecidos, iso si, duns anos para a esta parte estamos a tocar con moita frecuencia fóra de Galiza e a nosa música é tamén moi valorada, eis os premios e os concertos que se multiplican ano tras ano.  
  Dez traballos discográficos e unha nova fase con Sara Vidal, unha voz que chega desde Portugal. Que supuxo a incorporación de Sara Vidal? 
   A voz de Sara é un impulso de ar fresco na nosa traxectoria, ten unha voz moi característica na que confluen Galiza, Portugal e o Atlántico e isto parécenos moi interesante; ela é a terceira vocalista que pasa por Luar na Lubre e a verdade é que estamos moi contentos co seu traballo.  
   O voso traballo coa tradición musical galega é meritorio, estades a facer unha nova reinterpretación da música tradicional, ese é o camiño?    
Hai varias maneiras de traballar en Luar Na Lubre, o noso é un traballo en equipa e iso fai que teñamos un son tan característico, e desde este xeito de traballar reinterpretamos a música tradicional, compoñemos sempre coa base das nosas músicas e en case todos os nosos discos facemos un “cover” (versión) dalgún tema que para nós ten un significado especial.... Isas son as 3 vias fundamentais de traballar en L.N.L. 
Cal é o voso diagnóstico do estado do noso patrimonio inmaterial? 
             É un legado de valor incalulábel e aínda moi vivo e latente que debemos activar para que non esmoreza co paso dos anos; eu considero moi importante a vosa iniciativa porque marca un ponto de partida importantísimo cara a recuperación da nosa identidade como país.  
Este patrimonio cultural común con Portugal, está suficientemente descrito e divulgado ?  
          En absoluto, eu creo que a maioría dos galegos descoñece a riqueza que ten ao seu redor, penso que é moi necesaria a súa divulgación dende as escolas, dende as diferentes asociacións culturais e sociais do país e por suposto dende a política para que un porcentaxe cada vez máis importante de galegos sexa consciente do que nos estamos a xogar coa nosa identidade común. 
Cres que o patrimonio inmaterial galego-portugués  merece ser recoñecido como Patrimonio da Humanidade ? Credes que debe ter outra oportunidade ? 
          Por suposto que si, non so dúas, senón as que fagan falla, eu considero que un recoñecemento deste tipo sería un bo xeito de activar mecanismos que mellorarían considerabelmente a súa situación actual. Nós, nos nosos concertos polo mundo facemos sempre moito fincapé da nosa estreita relación con Portugal e o público queda sempre moi curioso. 
Como ves o labor que está a realizar Ponte...nas ondas! ? 
          Paréceme moi interesante e necesaria para fortalecer as relacións entre dous pobos irmáns separados inxustamente, e sendo vós, os rapaces os que estades a facer este traballo máis importante aínda xa que o futuro é voso. 
O tema desta XIV edición é Identidade e territorio. Que temas vosos pensades que encaixan mellor nesta temática como recurso para os centros educativos ? 
             En moitos dos nosos temas está moi presente a nosa identidade como pobo, falamos da terra, falamos das xentes, das que están aquí e das que tiveron que emigrar, falamos das nosas máis vellas tradicións e ensalzamos a galeguidade, creo que estes valores nos definen, e no tocante a temas concretos cada un ten a súa propia historia e particularidade pero creo que calquera das dúas  palabras que nomeas na túa pregunta están presentes en todos. 
O día 6 ides compartir escenario con  Vozes da Radio, Socorro Lira e Avelino García  na VII Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa, que supón este encontro en Vigo ?  
          Nos tivemos a gran sorte de ter estado con certa frecuencia tanto en Brasil como en Portugal e temos traballado con músicos destes países e iso, a verdade, nos enche de satisfacción, sabérmonos posuidores dunha lingua que se estende por diferentes puntos do planeta e que nunha noite de xuño poidamos compartir escenario baixo o ceo de Vigo cos nosos irmáns de lingua é moi máxico.  
    Noraboa polo voso traballo, a xente coma vós co facho da ilusión acendido permanentemente é a que nos fai ter a ilusión de loitar pola nosa identidade de cara un futuro incerto.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto