 
Será un dos temas prioritarios na xuntanza do sector esta fin de semana en Arzúa. Fala para Radiofusión, o secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura, Xesús Asorey.
 
											Cita este sábado 7 de xuño en Arzúa para a XXIII Mostra Galega de Apicultura. Durante todo o día, os visitantes poderán asistir a unha feira de material apícola e reciclado de cera. Tamén haberá exposición e presentación de innovacións apícolas. 
Ademais, organizáronse varias charlas, nas que participarán Etienne Bruneau, presidente do grupo MEL do COPA-COXECA (Bélxica), que falará da desaparición das abellas e a situación europea; Xulio Cañas, do Servizo de Sanidade Animal da consellaría do Medio Rural, que falará do novo sistema de tratamento da varroa, que este ano será gratuíto; e Francisco Otero, xefe do Servizo Técnico-Agrario da Consellaria do Medio Rural, que disertará sobre tratamentos das froiteiras, en ecolóxico, con produtos non daniños para as abellas.  
Situación grave tamén en 2008  
  "As condicións climáticas e a aparición de doenzas nesta primavera agravan unha situación  que xa se ven repetindo desde fai uns cantos anos no sector apícola", explican desde a Asociación Galega de Apicultura, AGA. Recordan que moitos abelleiros veñen botándolle as culpas aos novos praguicidas de uso agrario. 
Ao respecto, sinalan que Francia xa prohibiu a súa utilización en sementes e Alemaña fíxoo en parte.    En Galiza a cousa complícase aínda máis ca no resto do Estado, xa que o 50% do millo forraxeiro a nivel estatal seméntase aquí. Igual que no caso dos eucaliptos, trátase de cultivos que son tratados con este tipo de produtos.   
A propia produción alimentaria en perigo 
Ao respecto deste escenario, desde a AGA subliñan que o 80% do noso contorno vexetal é fecundado polas abellas, "que xogan un papel preponderante como polinizadores" sendo así que grazas a este fenómeno "temos froitos, sementes e novas plantas". Alén da fornecernos de mel, pole ou xelea real, "case o 40 % da nosa alimentación (froitos, legumes...) dependen exclusivamente da acción fecundadora das abellas", advirten, lembrando que as abellas están desaparecendo velozmente e que nalgúns lugares xa morreu até o 80% da cabana apícola.  
  
   Do tema, fala para Radiofusión o secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura, Xesús Asorey.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto