 
 
O voto do vicepresidente da República, Julio Cobos, foi decisorio. "Non estou traizoando á presidenta. Quero que haxa consenso", afirmou.
O Senado arxentino rexeitou esta quinta feira o proxecto de lei do Goberno para aumentar a presión fiscal sobre as exportacións de gran e de manufacturas agroindustriais, causante do duro conflito dos últimos meses entre o Executivo e as patronais de agricultores.
A iniciativa do goberno peronista socialdemócrata da presidenta Cristina Fernández derrubouse polo voto dun home das súas filas, o vicepresidente da República, Julio Cobos, quen tivo que desempatar a votación.   
  "Non estou traizoando á presidenta. Que envíe outro proxecto. Quero que se alcance un consenso. A historia xulgarame", dixo Cobos, de Unión Cívica Radical (UCR), formación aliada de Fernández deica esta quinta feira. 
  
Proxecto inviábel 
A votación rematou con empate a 36. A Constitución estabelece que o vicepresidente da República, presidente do Senado, é quen desempata. A iniciativa volverá agora á Cámara de Deputados, onde a maioría gobernamental carece dos dous terzos necesarios para insistir co proxecto, aprobado alí hai dúas semanas. 
As exportacións de grans e de manufacturas agroindustriais de Arxentina, unha grande potencia agrícola, totalizan 35 mil millóns de dólares anuais. Co proxecto de lei, o Executivo esperaba recadar só por dereitos aduaneiros uns once mil dos 24 mil millóns de dólares que xera a colleita de soia, o principal cultivo.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto