 
 
Recoñecemento a "unha intelixente e eficaz operación de salvagarda da personalidade cultura e política de Galiza durante os anos máis duros do franquismo", Galaxia recibiu, no Día de Galiza, a 'Medalla de Ouro de Galicia'.
"Díxose moitas veces que Galaxia é máis que unha editorial", afirmou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, no acto institucional de entrega da Medalla de Ouro de Galicia, "e, en efecto, entre nós, entre os galegos, a palabra Galaxia converteuse nun termo cunha riqueza de connotacións e significados que desborda os límites estritos da actividade editora”, engadiu.  
   
   Na súa intervención, o presidente indicou que Galaxia foi "desde o seu propio nome", a conexión entre Galiza e Europa. "Fronte a un réxime instalado nun ultranacionalismo casticista, pechado e uniformizador, Galaxia eríxese nunha ventá aberta á cultura europea". "O galeguismo volve facerse sinónimo do europeísmo, como querían os homes da Xeración Nós", reflexionou.    
   
   Durante o acto fíxose lembranza "daqueles galaxianos de primeira hora, cuxa achega intelectual e mesmo económica, foi decisiva para a posta en marcha do proxecto", citando a Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo, Antonio Fernández López, Sebastián Martínez Risco, Domingo García-Sabell, Marino Dónega, Álvaro Gil Varela, Ben-Cho-Sei, Xohán Ledo, Carlos Maside, e Carlos Casares.    
   
   "Por iso, coa entrega da Medalla de Ouro de Galicia, o Goberno quere recoñecer en Galaxia a todos os homes e as mulleres que contribuíron a outorgarlle a esta empresa un lugar propio na historia de Galiza, e ao tempo simbolizar neles a vocación de modernidade que segue a alentar hoxe nos continuadores do seu labor", concluíu a intervención do presidente da Xunta.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto