 
 
Mentres, os 27 países membros da UE acordaron elevar o aval mínimo dos aforros para toda a Unión Europea a 50 mil euros.
Tal e como estaba previsto, os ministros de economía da Unión Europea (UE) chegaron a un acordo sobre o incremento do fondo de garantía dos depósitos bancarios. Con todo, non houbo consenso para estabelecer este límite nos 100 mil euros, como propoñían moitos países, entre eles o Estado Español. Finalmente, o aval dos depósitos sitúase nos 50 mil euros, unha cantidade que despois pode ampliar cada un  unilateralmente.    
   O obxectivo é que con esta medida se eviten problemas derivados do diferente tratamento que estaban a dar os Estados membros á posíbel devolución dos aforros en caso de creba: pretende frear certos movementos destes depósitos duns países a outros. Porén, as correntes de cambio non remataron e agárdase que algúns países, entre eles o Estado Español, poidan ir máis alá e apostar polo mínimo de 100 mil euros, como defenderon no debate do Ecofin.    
   Máis cobertura no Estado Español  
O primeiro en anunciar que respaldaba todos os depósitos dos bancos do país foi Irlanda. A esta medida acábanse de sumar Portugal e Dinamarca. Mentres, o ministro de Economía, Pedro Solbes, xa anunciou que a intención do goberno é elevar este fondo até os 100 mil euros.    
   No caso do Estado Español a garantía de depósito nútrese da achega de bancos, caixas de aforros e asociacións de créditos. Os bancos aportan o 0,6 por mil dos depósitos e as caixas o 0,4 por mil para construír este fondo, que o sector bancario non consideraba necesario ampliar. Con estes datos, fontes económicas aseguran que hai marxe suficiente como para afrontar a suba sen que os bancos teñan que achegar máis cartos.
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto