 
 
"Claro que vai influír en que o presidente sexa pro-israelí. Por que non o ía facer? Que é, un árabe? Non vai limpar o piso na Casa Branca".
 
											A política de EUA en Oriente Próximo non semella que vaia mudar coa chegada de Obama
Rahm Emanuel, un dos colaboradores principais de Barack Obama, viuse na obriga de pedir desculpas á comunidade árabe-estadounidense polas declaracións que o seu pai, de orixe xudía, fixo ao diario israelí Ma'ariv, segundo a información que recollen as axencias internacionais.   
Benjamín Emanuel, ao se referir ao cargo que ha desempeñar o seu fillo -xefe de gabinete da Casa Branca-, afirmou: "Obviamente vai influír para que o presidente sexa pro-israelí. Por que non o ía facer? Que é, un árabe? Non vai limpar o piso na Casa Branca". 
O Comité Árabe-Estadounidense contra a Discriminación enviou unha carta de protesta a Rahm Emanuel, con copia a Obama, na que lle pide que renegue publicamente deses comentarios. Así o fixo, e ademais ofreceu a posibilidade dunha xuntanza con esta asociación. 
Segundo publica o xornal palestino The Electronic Intifada no seu editorial do 5 de novembro, Benjamin, axudou a pasar armas á Irgun (Etzel), a milicia sionista do ex-primeiro ministro israelí Menachem Begin que levou a cabo numerosos atentados terroristas en Palestina, algúns contra civís, incluído o do hotel King David de Xerusalén en 1946. 
A designación de Rahm, tamén xudeu, non sentou nada ben no mundo árabe. As súas actuacións e declaracións nos últimos anos ao respecto do conflito en Palestina, estaban claramente orientadas a favorecer os intereses do Estado de Israel. 
  "Para os millóns de árabes que expresaron o seu xúbilo ante a gran vitoria de Obama, a designación (de Emanuel) púxolle fin a unha festa curta", escribía esta cuarta feira o comentarista Osama Al Sharif no xornal Arab News. No mesmo senso pronunciáronse a gran parte dos medios arábigos e doutros países de maioría musulmá.
Hillary Clinton, posíbel secretaria de Estado 
Por outra banda, dous asesores de Obama informaron esta quinta feira que se contempla o nome da súa rival nas primarias do partido demócrata e senadora por Nova York, Hillary Clinton, como secretaria de Estado do futuro goberno estadounidense, segundo a canle de TV NBC News. 
  No entanto, outros demócratas como o senador John Kerry e o gobernador Bill Richardson tamén estarían interesados en substituír a Condoleezza Rice como ministra de Exteriores do país.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto