 
 
Até o domingo o Pazo de Exposicións da Coruña será escenario dunha ampla oferta cultural feita en Galiza
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, inaugurou este  venres Cultur.gal 08. Estivo acompañada do director xeral  de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, a concelleira de Cultura da  Coruña, María Xosé Bravo, e os representantes dos sectores participantes  na feira. No acto de inauguración, a conselleira de Cultura, Ánxela  Bugallo, convidou "a toda Coruña e a toda Galicia que se acheguen,  vexan, escoiten, aprendan, que participen nas actividades e que coñezan  o enorme número de persoas que fan posible que exista a cultura galega".  O director do Cultur.gal, Nel Vidal, sinalou que ademais de "amosar a  potencialidade da cultura galega", a feira "apoia e fortalece o sector  industrial da cultura". 
  
 Pola súa banda, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís  Bará, definiu esta cita como "un lugar de encontro, de diálogo e de  participación dos sectores culturais e do público, un espazo de cohesión  e vertebración para construír a cultura galega". O Cultur.gal constitúe  unha "gran mostra da cultura galega, entendida como unha realidade viva,  dinámica e vigorosa", pero tamén "unha grande central de negocios",  segundo destacou o director xeral. 
  
 En representación dos sectores culturais, Fran Alonso sinalou que nesta  segunda edición, a Feira convertiuse nunha "cita ineludible" e  "consolidada" na cultura galega. "Reivindicamos a fortaleza da cultura  galega e a súa profesionalización, que redunda na dignificación, na  educación e no lecer dos galegos", engadiu, para concluír que "en canto  se proba a cultura galega, xera adicción". Como reto desta segunda  edición, a concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo, indicou a  necesidade de "chegar a toda a cidadanía".
 
						 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto