 
Terratenentes do estado de Acre asasinárono pola súa intensa loita a prol da preservación da Amazonía.
 
											Mendes morreu con 44 anos
O presidente de Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, chamou a reorganizar a defensa e traballar máis pola preservación da Amazonía, durante a conmemoración do asasinato do líder social Francisco Alves Mendes, máis coñecido como Chico Mendes. 
  Pioneiro na defensa ambiental, morreu a tiros o 22 de decembro de 1988, fronte á súa casa no remoto estado amazónico de Acre, logo de pasar anos animando as comunidades pobres da zona a protexeren as plantacións de caucho das que dependía o seu sustento. 
Grandes terratenentes querían deforestar a selva para adicar eses terreos á gandaría. Dous anos despois, xulgaron e culparon do asasinato do Chico Mendes, tamén seringueiro, un rancheiro local e o seu fillo. O primeiro permanece en arresto domiciliario dende 2007. 
Hai só dúas semanas, a Comisión de Amnistía do Ministerio de Xustiza de Brasil recoñeceu oficialmente que o Chico Mendes fora vítima da persecución do Estado, e outorgoulle á súa esposa unha compensación duns 100 mil euros.   
Lula da Silva sinalou que coa morte de Mendes, Brasil tomou conciencia da súa importancia, e que homes como el marcan a diferenza na defensa da dignidade humana e na preservación da natureza. 
O principal legado de Mendes é a rede das coñecidas como reservas extractivas. Trátase de áreas protexidas da deforestación, onde se lles permite a un número limitado de familias locais gañar a vida a través de, entre outras actividades, a recolección de caucho e froitos secos.
 
						 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto