 
O Ministerio de Economía aceptou incluír a proposta do presidente da Xunta, mais de momento sen unha definición clara.
 
											"Haberá recursos adicionais para políticas de normalización lingüística", subliñou este martes o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, mentres analizaba o borrador cos criterios para a reforma do financiamento presentados polo goberno español. Asegurou Pérez Touriño que se trata dun documento que responde ao "acordado" durante a recente xuntanza en Madrid do presidente galego co presidente do goberno español, e de xeito explícito mencionou a suxestión realizada en materia de normalización lingüística.   
  
  No medio dun esquema xa de por si sen cifras e con certas lagoas ao respecto da aplicación dos criterios para a inxección de recursos, o Ministerio de Economía aceptou o compromiso de introducir a cuestión lingüística no documento. Así, o borrador recolle que adicionalmente "poderán terse en conta outros criterios, como os derivados das necesidades da poboación dependente, da integración e acollida dos fluxos migratorios ou das políticas de normalización lingüística". Nunha segunda mención a esta posibilidade, o documento presentado por Solbes volve admitir o desvío de "recursos adicionais" con esa finalidade de apoio ás linguas.   
  
  Oposición do PP 
  A iniciativa fora criticada a pasada fin de semana polo presidente do PpdeG, Alberto Núñez Feijoo, quen cualificara de "sui generis" a proposta. Feijoo descualificou a idea, á que definiu de "ocorrencia", insistindo en que Galiza debera apostar por introducir na axenda outras prioridades. De xeito concreto, contrapuxo o apoio ás políticas de normalización lingüística coa defensa do cómputo da poboación emigrante. Na opinión de Feijoo, a petición de financiamento extra en materia de normalización lingüística beneficiará principalmente a "quen xa son máis beneficiadas" en canto a poboación, citando explicitamente a "Cataluña e Valencia".
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto