 
 
Profesores, artistas e históricos intelectuais como Pousa Antelo amparan unha plataforma para exixir que o voto sexa un "dereito de residencia, non de sangue".
 
											Avelino Pousa Antelo é un dos asinantes da iniciativa
O histórico intelectual Avelino Pousa Antelo, a académica da lingua Margarita Ledo Andión ou o economista Vítor Moro son algúns dos coñecidos profesionais do noso país que amparan publicamente a plataforma 'Se resides, decides', constituída a semana pasada e que defende e traballa para que o voto sexa un "dereito de residencia, non de sangue". 
  
Segundo informan, "a iniciativa aspira a dar resposta ao amplo sentir cidadán crítico coas manifestas eivas do actual sistema electoral, que recoñece dereito pleno a colectivos que residen no exterior e cuxo único vínculo co país consiste precisamente no exercicio do dereito a voto ao tempo que mingua, ou directamente nega, dereitos a colectivos que residen de forma permanente no país (mariñeiros, penados, inmigrantes)". 
  
Xa que logo, procurará "a reforma en profundidade da actual Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREG, 5/1985) e que os dereitos que se recoñezan ás persoas de orixe galega que residen de maneira permanente no estranxeiro se regulamenten de acordo con esa situación. "Trátase como é sabido dun problema que a nosa sociedade arrastra dende hai moito tempo e que nos últimos anos adquiriu proporcións que dificilmente pode admitir unha sociedade que se reclama democrática", afirman. 
  
Campaña en dúas fases 
Para conseguir o obxectivo que perseguen, a plataforma prevé desenvolver unha campaña en dúas fases: A primeira, que culminará o 1 de marzo, día das eleccións, diríxese ás formacións que presentan candidatura "para os instar a adquiriren o compromiso público e firme de iniciar, inmediatamente a seguir a constitución do próximo Parlamento, todas as xestións que estean ao seu alcance (tanto no eido autonómico como no estatal) para que a LOREG de 1985 sexa inmediatamente derrogada". 
  
Na segunda, 'Se resides, decides' traballará para que a nova lei contemple as súas reivindicacións, que considera comparte a "esmagadora maioría da sociedade galega". Con esta perspectiva, actuará "ante os poderes públicos" e realizará unha "ampla campaña de sensibilización social". Dende a plataforma informan que en pouco tempo darán a coñecer o enderezo da sua web, "que estará aberta a todas aquelas persoas e colectivos que queiran prestar o seu apoio á iniciativa".   
  
  
Asinantes:   
  
Avelino Pousa Antelo (presidente da Fundación Castelao) 
Víctor Moro (economista)
Fernando Martínez Randulfe (avogado) 
Quico Cadaval (director de teatro)
Afonso Eiré (escritor e xornalista) 
Miguel Barros (presidente de Promocións Culturais Galegas) 
José António Redondo López (profesor) 
Luís Caramés (profesor) 
Ugia Pedreira (música) 
Uxia Senlle (cantante e compositora) 
Xurxo Lobato (fotógrafo) 
Eias Torres Feijó (vicerreitor da USC) 
Margarita Ledo Andión (profesora) 
Antón Reixa (director e produtor de cinema)
Xesus Seixo (secretario Xeral da CIG)
Luís Gonçalez Blasco (professor)
José Alberto Garcia Suarez (professor) 
Rosa Verdugo Matês (professora) 
Elvira Souto (professora)   
Ramom L. Suevos (professor)
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto