 
Aproveitando a visita do teólogo J. J. Tamayo a Santiago para participar nun ciclo de conferencias sobre a laicidade en España, desde a revista Irimia conversamos con el e repasamos un dos debates de máis plena actualidade e a situación da teoloxía no Estado español
O interese que existe na  actualidade sobre o tema do laicismo en España,  é un debate de moda ou un debate necesario? 
 Eu penso que claramente o segundo. Independentemente da súa presenza,  ou non, na primeira plana informativa, é un debate no que hai que profundar.  
  En tempos en que a crise económica parece que o monopoliza todo,  dende as preocupacións da xente ás portadas dos xornais e todo tipo  de faladoiros, cre que se vai a manter un espazo e un interese por este  debate? 
 A crise financeira non nos debe obrigar a renunciar ao debate. Non  son aspectos excluíntes. Reflexionar sobre a relación da Igrexa católica  e o poder ou sobre a laicidade non impide loitar pola xustiza e por  evitar o individualismo insolidario. É verdade, porén, que ao falar  de relacións Igrexa-Estado, moitas veces esquécese o referente social  que ambas as institucións deben ter; e é por aí por onde debería  orientarse o debate, non polo mantemento duns privilexios.  
 As relacións entre relixión e Estado parece que derivan, mesmo,  a disputas de tipo terminolóxico. Así, utilizando a Constitución,  hai quen defende que estamos nun Estado non confesional, pero non nun  Estado laico. 
 Este é un falso debate. Ao meu modo de ver, ambos os termos son  equivalentes. Os únicos que establecen unha diferenza son os bispos,  cun claro interese: defenden un Estado non confesional porque entenden  que este lles deixa espazo na vida pública. Defenden unha presenza  pública que sempre chega por vía de poder, non desde os marxinados  ou desde os movementos sociais, o que realmente xustificaría a súa  presenza. O debate, así entendido, desemboca nunhas formulacións burguesas,  que nada cambian a sociedade.  
 Considera que existe un clima social bo para este debate ou cre que  é o único posible? Cre que se dan as condicións para un verdadeiro  diálogo? 
  Non existe un debate teórico porque os intereses que se xogan  dunha e doutra parte son moi pragmáticos. Á xerarquía non lle interesa  entrar no fondo do problema, xa que o que busca é a consecución e  o mantemento dun espazo de poder e ideolóxico. Ao goberno non lle interesan  unhas propostas verdadeiramente laicas porque lle pode supor unha perda  de apoio electoral entre posibles electores católicos.  
 Como se podería enfocar o debate para conseguir resultados frutíferos? 
 Hai que expor o tema noutro marco, noutro escenario. Agora está  exposto segundo o interese de cada unha das institucións. Esta situación  non nos exime, aos que nos movemos neste campo de reflexión e estudo,  de tratalo en profundidade e con gran rigor. Bótanse a faltar espazos  de diálogo entre crentes e non crentes, como os que existiron nos anos  70, por certo, dunha calidade moi elevada. Agora frivolízase con asuntos  como a posible existencia de Deus na publicidade dos autobuses urbanos.  Insisto, no terreo político, ideolóxico, relixioso, o pragmatismo  impide que haxa debates teóricos sólidos e argumentados. 
 Unha traxectoria teolóxica  arredor da teoloxía da liberación 
  Se atendemos  ás túas publicacións, o teu traballo teolóxico evolucionou ao longo  da túa traxectoria vital. 
 Si, pero o eixo de todo o meu traballo foi a teoloxía da liberación.  Nun primeiro momento a miña teoloxía enfocábase dende a perspectiva  económica e social, porque a situación nese momento era dramática.  Logo xurdiron novos fenómenos. Antes faciamos teoloxía cristiá da  liberación, centrándoa no económico e social. Pero a teoloxía da  liberación é unha teoloxía en camiño, non pechada. Non é unha teoloxía  perenne, que formule unhas afirmacións válidas para todo tempo e contexto.  Non é dogmática; reformúlase cos novos procesos históricos. Xurdiron  novos fenómenos históricos desde os anos 80 que hai que ter en conta. 
  
 Cales son eses novos fenómenos? 
 Fundamentalmente dous. O primeiro é a toma de conciencia de que a pobreza  e a marxinación non se reducen ao campo socioeconómico. Hai tamén  discriminacións por razón de xénero (marxinación da muller), de  etnia (discriminación do mundo indíxena), relixión (destrución das  relixións ancestrais), procedencia xeográfica (xenofobia, sobre todo  contra os inmigrantes. Constátase como o avance do neoliberalismo estende  a pobreza a outros sectores sociais ou mesmo a continentes enteiros. 
 O segundo é a diversidade cultural e relixiosa. Non vivimos en tempos  de relixión e de cultura únicas. Nun mesmo territorio coexisten ou  conviven cidadáns e cidadás pertencentes a diversos sistemas de crenzas,  concepcións ideolóxicas e culturas diferentes. É necesario traballar  teoloxicamente estes fenómenos novos, mais non dun xeito culturalista,  senón tendo como eixo a teoloxía da liberación, ampliando o horizonte,  de igual xeito que se integra o paradigma ecolóxico ou o feminista,  sempre no horizonte da teoloxía da liberación.
  
 A túa teoloxía abrangueu, entón, moitos campos que se foron enriquecendo  mutuamente. 
 Efectivamente, non se trata de substituír teoloxías, senón de  ir incorporando os novos, respondendo aos novos desafíos e propor alternativas,  pero mantendo o mesmo eixo. Acabo de entregar en imprenta un novo libro,  Teoloxía da liberación, novos paradigmas, e avanzo en novos proxectos,  cara a unha teoloxía intercultural e do diálogo interrelixioso, porque  ata agora fixemos unha teoloxía da liberación cristianocéntrica. 
 
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto