 
 
O presidente saínte subliña que o Goberno deixa "todos os instrumentos" necesarios para determinar os lugares onde non se deberan conceder licenzas.
"Están cartografados e delimitados todos os terreos e ámbitos do litoral de Galiza de xeito que sexa doado delimitar aquelas zonas que deben seguir sendo obxecto de protección", apuntou este mércores o presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño. Segundo a reflexión de Pérez Touriño queda clara a existencia de zonas onde non debera autorizarse "ningunha licenza ou desenvolvemento urbanístico".   
  
  Touriño revelou que o relativo á paralización da construción na franxa dos primeiros 500 metros desde o mar foi xustamente un dos asuntos que lle subliñou ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, durante a xuntanza que ambos os dous mantiveron a pasada semana. Trátase de feito dunha das iniciativas lexislativas despregadas na última lexislatura que con máis belixerancia combateu o PP estes anos.   
  
  Na opinión de Touriño, non habería escusa para que os populares suprimisen a norma sen estabelecer con claridade as áreas costeiras a delimitar e protexer no Plan do Litoral. Así e todo, o presidente saínte admitiu que continuar ou non coa norma dos 500 metros queda na man do seu sucesor. Subliñou Emilio Pérez Touriño que o plan para o litoral está "moi avanzado" e opinou que durante a tramitación pode manterse esa suspensión preventiva que, en principio, caducará o próximo 17 de maio.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto