 
 
Na mesma xornada, o PSdeG reclamara xa que acudisen á Cámara para detallaren as súas prioridades de Goberno.
 
											O conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, anunciou este martes que a Xunta iniciou as "xestións oportunas" para tramitar as comparecencias no Parlamento dos dez novos conselleiros do Goberno, que, deste modo, informarán a petición propia sobre os "obxectivos e liñas xerais de actuación política" dos departamentos que dirixen. 
  
  Desta forma, o propio Rueda comparecerá a petición propia no Pleno da Cámara para tratar as "liñas estratéxicas" da Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Mentres, Marta Fernández Currás fará o propio como titular de Facenda; Agustín Hernández exporá os obxectivos da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; e Pilar Farjas Abadía repasará os obxectivos da Consellaría de Sanidade. 
  
  Pola súa banda, Xavier Guerra acudirá ao hemiciclo para expoñer as liñas estratéxicas da Consellaría de Economía e Industria; Xesús Vázquez tratará a actuación política do departamento de Educación e Ordenación Universitaria; Roberto Varela informará dos retos da Cultura e Turismo; Beatriz Mato dará conta da actuación política a realizar na área de Traballo e Benestar; Samuel Juárez, explicará os principais proxectos de Medio Rural; e Rosa Quintana fará o mesmo respecto á Consellaría do Mar. 
  
  Este anuncio prodúcese o mesmo día en que o PSdeG presentou no rexistro do Parlamento galego a solicitude de comparecencia dos 10 novos conselleiros para que expliquen as súas "liñas de actuación" en cada departamento, ao tempo que advertiu de que "non tolerará a volta aos tempos do escurantismo".
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto