 
 
BNG, CIU, PNV, ERC e CC denuncian conxuntamente no Congreso o pacto que restrinxe a representación nos órganos consultivos do Estado.
 
											Unha iniciativa que chega tarde e con cancelas, segundo expuxeron este mércores representantes no Congreso de BNG, CIU, PNV, ERC e CC ao respecto do proxecto de lei de creación de órganos consultivos do Estado no ámbito agroalimentario. Os deputados nacionalistas atopáronse na xuntanza do relatorio que estuda as emendas a este proxecto cun pacto previo entre PSOE e PP. Os dous partidos maioritarios no Congreso acordaran un texto que fixaba as bases de representación das organizacións agrarias segundo os criterios defendidos por socialistas e populares e que á vez quedaba aberto unicamente a emendas dos propios socialistas e populares.   
  
  Creación dun precedente "pouco democrático" 
  Na opinión dos representantes nacionalistas, o obxectivo de PSOE e PP sería o de "marxinar" os sindicatos agrarios que non son de ámbito estatal, furtándolles voz ao pechárenlles a porta das mesas de diálogo. Ademais, advirten que é un grave exemplo de como PSOE e PP "parecen entender a representatividade nos organismos estatais".   
  
  O mecanismo usado é a introdución da obriga de que calquera colectivo que queira ter representación nestes órganos consultivos debe dispoñer de afiliados nun mínimo de dez comunidades autónomas. Na práctica, tal criterio deixa a representación directamente nas mans dos sindicatos estatais. "Esquecen así o peso e a importancia que teñen organizacións agrarias non estatais en distintas comunidades autónomas, caso de Galiza", quéixase ao respecto Olaia Fernández Davila, deputada do BNG.   
  
  "É evidente que PP e PSOE non dubidan en se pór de acordo á hora de excluíren as organizacións e sindicatos nacionalistas", critica a deputada galega, "é un exercicio de centralismo que nin sequera respecta os principios elementais da democracia parlamentar". Nun acto conxunto con representantes de CIU, PNV, ERC e CC, a representante do Bloque recordou que as formacións políticas nacionalistas chegaban a esta xuntanza con propostas de emendas que "reivindican a presenza das organizacións agrarias que operan nos diferente ámbitos territoriais como é o Sindicato Labrego Galego". "É un pacto entre a dereita e o PSOE asentado no centralismo", censurou a deputada galega.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto