 
Que levou a máis de cincocentas persoas a congregarse no centro de Vigo e arrodear dúas veces, a xeito de cadea humana, un edificio lindeiro á casa do Concello e proceder á súa simbólica inauguración? A Rede Galicia Sur, plataforma que agrupa a 24 organizacións que traballan no eido da solidariedade e da cooperación na cidade de Vigo e na súa bisbarra, convocou este acto reivindicativo solicitando a apertura dun albergue público para as persoas sen fogar e en situacións de emerxencia e pobreza severa.
Este acto, que tivo lugar o 21 de maio,  veu precedido dunha sentada de 24horas diante da porta do Fogar de San  Paio, máis coñecido como a “Gota de Leite”, emprazamento escolleito  e xa parcialmente acondicionado para tal fin polo II Plan Galego de  Inclusión Social (2007-2013), promovido pola Xunta de Galicia, que  pretendía abrilo coma un centro de referencia dentro da Rede de Centros  de Inclusión Social. 
 Unha realidade: as/os sen teito  
Segundo os datos coas que contan as principais  organizacións que traballan neste eido, Vigo conta con máis de 300  persoas que malviven na rúa a causa de motivos económicos, sociais  e de saúde. Malia a importancia da poboación afectada, a cidade olívica  non conta con ningún centro público que poda atender a este colectivo,  que se ve agravado para grave carencia de infraestruturas básicas de  urxencia que permitan intervir con criterios profesionais nas necesidades  das persoas sen fogar, constatándose o aumento da demanda e das peticións  de axuda por parte destes.  Por outra banda, tal como resalta a  Rede Galicia Sur, estas eivas afectan dun xeito dramático ás mulleres  que se atopan en situación de emerxencia e que carecen de domicilio,  que non teñen onde acudir ou non teñen unha resposta inmediata á  súa situación, co que na práctica, as mulleres resultan dobremente  excluídas. Unha realidade en si mesmo terrible, mais que queda sen  cualificativos se temos en conta que no que vai de ano 14 persoas faleceron  en Vigo na rúa.  
Unha carencia: os servizos públicos  para as persoas sen fogar  
A cidadanía viguesa mobilízase, mais  o problema abrangue a toda Galicia. Segundo os datos que publicaba o  xornal Galicia Hoxe de hai menos dun ano, Vicepresidencia da  Xunta, de quen era competencia nese momento esta realidade, recoñecía  a existencia de só 353 prazas en centros de inclusión, pisos de acollida  ou albergues, para as máis de 4.000 persoas sen teito que viven no  noso país, non sendo ningunha destas prazas  pública, senón  que se trataría de centros xestionados por asociacións, fundacións  ou ordes relixiosas.  
Para o edificio da Gota de Leite, centricamente  situado, lindante cunha das zonas de maior marxinalidade social, fíxose  desde a Vicepresidencia do Bipartito un proxecto piloto, con albergue  e comedor social, pero tamén con “calor e café”, unidade de hixiene,  centro de día e espazo para dar acollida a xente que inicie unha estancia  máis longa, cando se compromete non proxecto serio de inserción laboral.  
Obrouse sobre o andar máis baixo, o que dá acceso ao comedor, e podería  comezar a funcionar de maneira progresiva, ata converterse nun auténtico  centro de referencia dentro do proxecto de Rede de Centros de Inclusión  Social.   
Un proxecto de vangarda, porén, en perigo.  Efectivamente, a falla dunha concreción orzamentaria específica por  parte da anterior administración para dotalo de persoal e botalo a  andar, así como o cambio de goberno na Xunta, permitiu que as manobras  obstrucionistas do alcalde - que pretende que nese  inmoble que  é patrimonio da Xunta destinado a uso social se instale a policía  municipal!!!- sexa a desculpa para que a nova Xunta se manteña na indefinición,  dilatando a súa inauguración e entrando no xogo de falar dun novo  emprazamento.
   Ás hipocrisías de determinados sectores  sociais, que buscaban explicacións heteroxéneas para desbotar a localización  da Gota de Leite, mais sen falar abertamente da mala imaxe dos pobres,  do seu suposto efecto sobre o comercio local –cando o que se pretende  é precisamente sacar a xente da rúa-, uníronse as tirapuxas políticas,  dentro do propio bipartito local, cun BNG, responsable desta área,  que se declara aliñado co que se promovera dende unha das súas consellerías,  fronte a un PsdG, que agora se atopa máis cómodo amparándose nos  medos do PP. E no medio da polémica, o peche do albergue provisional  sito na antiga Escola de Hostalería do Berbés, que volve deixar ás  persoas sen fogar novamente na rúa.  
Unha reclamación: un Centro de Inclusión  Social na Gota de Leite  
A Rede Social Galicia Sur reclama a apertura  deste Centro de Inclusión Social, coma un  recurso básico de  intervención que facilite dende a atención sociosanitaria básica  á integración do colectivo de persoas sen fogar e, en xeral, para  a xente que nun momento determinado poda atoparse nunha situación de  emerxencia ou de exclusión social. Entende que Vigo precisa dun dispositivo  público deste tipo ao carecer dunha alternativa para unha poboación  que non deixa de medrar. Esixe que acaben coas trabas administrativas,  que se cumpran as promesas e que se produza unha apertura inmediata  do Centro, sendo asumido este coma un proxecto prioritario e urxente  para a cidade, independentemente de quen a represente dende o Concello.  Para esta Rede, o proxecto de Centro  de Inclusión Social da Gota de Leite é unha oportunidade inmellorable  para atender esta demanda histórica e urxente neste lugar: pola súa  capacidade, polo espazo dispoñible, pola proximidade aos recursos normalizados,  polo emprazamento e polas súas instalacións. É fundamental dispor  de servizos profesionais neste eido, pero aínda máis facilitar un  espazo de participación das persoas sen fogar na sociedade e na vida  comunitaria co apoio dos distintos axentes sociais. É unha urxencia  á que a crise económica non debe servir de escusa senón acelerar  a súa posta en funcionamento.
---
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto