 
 
Adicae advirte da falta de transparencia, funcionamento obsoleto e escasa democracia interna das entidades, e reclama un cambio lexislativo.
 
											Moreda e Gayoso, protagonistas do último cruce de declaracións a prol e en contra da fusión Caixa Galicia - Caixanova
A democratización do funcionamento das caixas de aforros é a necesidade máis urxente das entidades, segundo subliñan desde a Asociación de Consumidores e Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros (Adicae). Tal é o recordatorio que fan aproveitando a actualidade ao respecto das entidades e a posibilidade de fusión entre Caixa Galicia e Caixanova. Para Adicae, a prioridade inmediata é a modificación da lei galega de caixas, especialmente no relativo á elección dos conselleiros e o papel dos clientes nos órganos de goberno das entidades.   
  
  Falan desde este colectivo dunha grave situación nas entidades, que atribúen ao seu funcionamento obsoleto, falta de transparencia e problemas de sectarismo interno. "Están escasamente democratizadas", láianse. A asociación ten cita este martes con Nava Castro, directora xeral de Comercio e nova presidenta do Instituto Galego de Consumo, e a quen lle expoñerán as suxestións da Adicae.   
  
  Democratización e control interno  
  Polo miúdo, o colectivo propón que se estabeleza unha mínima representación de entidades sociais e cidadáns que "garanta unha representatividade auténtica dos impositores usuarios que sirva de cautela para evitar operacións financeiras dubidosas". Así por exemplo, reclaman a obriga de que as asociacións de consumidores poidan ter voz na actividade das entidades.   
  
  En segundo lugar falan da supresión dos sistemas electorais internos que cualifican de "pre-constitucionais" para a elección de representantes nos órganos de goberno. Advirten así da necesidade de criterios que impidan a fraude e o dominio das entidades "por determinados grupos de interese".   
  
  De forma concreta, suxiren crear unha comisión electoral de control "independente" que organice e vixíe os procesos electorais das caixas. Tamén sosteñen que os Conselleiros Xenerais non deberan ser escollidos exclusivamente entre os compromisarios. A maiores, subliñan a necesidade de que un mínimo do 50% dos beneficios sexa adicado á obra benéfico-social "reinvestindo beneficios para emprego e infraestruturas en Galiza, como expresión do cumprimento da súa única función: motores galegos económicos e sociais". Por último, queren que as caixas se adhiran ao sistema arbitral de Consumo como mecanismo de resolución de conflitos.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto