Falamos con representantes de PPdeG, BNG, EU, FPG e NÓS-UP sobre a consulta do pasado domingo.
				 
				
					O electorado de Arenys de Munt votou o pasado domingo masivamente a prol da independencia de Cataluña. Do 41% dos censados que acudiron ás urnas, o 96% votou 'Si', fronte a un 2,28% que optou pola papeleta do 'Non'.   
  A porcentaxe de apoio foi mesmo maior que a rexistrada no referendo sobre o Estatut de 2006. Tamén a participación foi máis alta do agardado, por riba das eleccións europeas do mes de xuño, aínda que inferior á consulta estatutaria. 
  
Cómpre lembrar, ademais, que o censo na votación da fin de semana foi máis amplo ca nos anteriores comicios, xa que estaban incluídas todas as persoas empadroadas de máis de 16 anos, con ou sen pasaporte español.   
  
Como todo o mundo sabe, o resultado da votación non ten validez legal. Porén, abre a porta a que noutros concellos cataláns -e noutras partes do Estado- xurdan iniciativas similares. Falamos con representantes de diversas formacións políticas do noso país, que dan a súa opinión sobre a cuestión. 
  
- Que 	valoración fai do referendo deste domingo en Arenys de Munt?
- Que pensa 	da posibilidade de que poida acontecer o mesmo nun concello do noso 	país? 
- Antonio Rodríguez Miranda, voceiro do PPdeG
-  	Non deixa de ser unha cuestión anecdótica, xa que está 	feita sen ningún rigor nin soporte xurídico. É 	un brindes ao sol, un acto folclórico de persoas con interese 	por se faceren notar. Consideramos que non é positivo porque 	utilizar ferramentas democráticas de forma desaxeitada o 	único que provoca é deslexitimar as institucións. 	Por outra banda, a cidadanía que participou foi incluso menos 	que no referendo sobre o Estatut.
- Nós respectamos todas as posicións. Podemos entender 	que haxa xente que por exemplo non estea de acordo co Estado das 	Autonomías, que prefira unha maior centralización, ou 	que haxa persoas que pensen que certas partes do país poidan 	estar separadas do resto, constituídas como nación. 	Pero non enredando alegremente, senón con seriedade e con 	respecto ao que contempla a Constitución, sen minusvalorar os 	sistemas democráticos. Porque este tipo de iniciativas non 	son boas nin para aqueles que poidan ter ese tipo de ideas. Ademais, 	para isto tamén están as eleccións onde a 	porcentaxe de persoas que así pensan se convertería 	en apoio ás formacións políticas que o 	defenden.   
- Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Congreso dos Deputados
-  	É unha consulta lexítima, que aínda que non ten 	valor legal conta co pronunciamento favorábel da corporación 	municipal e gran valor simbólico. Nós vémola 	positiva porque fomenta a participación cidadá, e non 	comprendemos a pretensión dos poderes do Estado en tentar de 	evitar que se organizase, ese medo que ten detrás a 	sacralización do concepto case metafísico da unidade 	de España. Este tipo de actitudes, como a demonización 	do Estatut, leva a que o pobo catalán procure outras vías 	para colmar as súas aspiracións. No seu momento 	apoiamos a consulta que pretendía realizar o Goberno vasco, 	con máis razón apoiamos esta que emana dunha 	iniciativa popular. 	  	
-  	Todas as iniciativas de participación cidadá merecen o 	noso respecto. Cada sociedade ten a súa dinámica e o 	BNG como forza nacionalista aspira a un país soberano, e a 	súa consecución pode vir por varias vías, entre 	estas a independencia. Nós estamos nun momento en que temos 	que mobilizar a suficiente masa crítica para castigar as 	políticas do PP, para conseguir un Estatuto de nación. 	Dar ese salto sería queimar etapas. Como forza política 	o BNG debe atender o país ao que serve, e en base a súa 	conciencia nacional obxectiva. 
- Nós o que estamos a defender alto e claro é que isto 	vén provocado pola necesidade de reformar o Estado, que estea 	baseado nun modelo federal, solidario, onde cada unha das partes 	decida libremente a súa adhesión. O debate do 	financiamento, do Estatut, reflicten esta necesidade. 	  	
-  	Non pode haber dobres lecturas. De feito, coido que somos o único 	partido que defende o dereito de autodeterminación dos pobos, 	que o fixo incluso cando Lizarra, coa perda de votos que ocasionou. 	Nós defendemos os dereitos individuais, mais tamén os 	dereitos dos pobos, por iso queremos un Estado federal, 	pluricultural e plurilingüe. Apelando como apelamos aos modelos 	de xestión popular, por suposto que apoiaríamos unha 	iniciativa similar. 
- Mariano Abalo, membro da FPG, concelleiro en Cangas pola ACE
- Para a FPG é unha experiencia sumamente positiva polo feito 	de que se fai avanzar a independencia desde o pobo.
- A realización dunha experiencia como esta no noso país 	é máis dubidoso debido a colonización brutal 	e secular á que foi sometido. No entanto, é un moi bo 	exemplo para aqueles sectores máis concienciados do país. 
- Carlos Morais, membro da Permanente Nacional de NÓS-UP
-  	Está vinculado co que NÓS-UP vimos defendendo, isto é, 	o dereito dos pobos a decidir, o dereito de autodeterminación. 	Un dereito que o PSOE ou o PP -ou aqueles partidos que se 	autodefinen como nacionalistas-, continuadores do réxime 	franquista, negan aos pobos do Estado, é igual quen goberne. Consideramos positivo tanto o 	resultado como a participación, moi elevada malia a 	criminalización que se fixo da mesma. Foi popular, pacífica 	e cívica, e polo que se ve vai ter continuidade noutros 	concellos cataláns. 	  	
-  	Ten sentido sempre que haxa suficiente forza política e 	social unida. Galiza é unha nación negada polo Estado 	Español, e consideramos que os problemas que ten o pobo 	galego, no emprego, na educación, na sanidade, ecolóxicos 	tan graves, están vinculados directamente coa falla de 	soberanía nacional. 
*Nota: O PSdeG declinou dar a súa opinión argumentando que "é un tema exclusivamente catalán".