 
A publicación edítase en galego e inglés e no seu lanzamento inclúe artigos de María Reimóndez, María do Cebreiro e Anxo Lorenzo.
Este verán veu á luz Galicia 21: Revista de Estudos Galegos Contemporáneos, a primeira publicación académica en liña sobre estudos galegos. Impulsada desde Gales por Craig Patterson, da Universidade de Cardiff, e Helena Miguélez-Carballeira, da Universidade de Bangor,  pretende “converterse nun punto de encontro e de referencia para o crecente número de investigadoras e investigadores que conforman a comunidade académica internacional dos estudos galegos contemporáneos”. 
  Galicia 21 edítase en formato bilingüe, cos textos en galego e en inglés. A Universidade de Cardiff e o Centro de Estudos Galegos en Gales da Universidade de Bangor financian a publicación. Desde o seu lanzamento no verán, está a recibir consultas de académicos de todo o mundo, especialmente dos Estados Unidos, o Brasil e o Reino Unido, ademais de Galiza. 
  Situación do galego, Lusofonía e traducións 
  No primeiro número de Galicia 21 o profesor da Universidade de Vigo e agora secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asina un artigo académico sobre a situación actual da lingua galega, no que analiza o proceso de substitución do galego polo castelán nas últimas décadas, en paralelo á “xeración dunha ideoloxía lingüística favorecedora da recuperación social e cultural da lingua galega”.   
  Noutro artigo, o profesor Burghard Baltrusch traza un inventario comparativo dos discursos ideolóxicos sobre se Galiza debe ou non formar parte da Lusofonía. A tradución centra os artigos de María do Cebreiro (“Políticas e poéticas de segunda man: A espectralidade no proceso da tradución”) e María Reimóndez, (“The Curious Incident of Feminist Translation in Galicia: Courtcases, Lies and Gender-n@tions”.   
  Xunto a outros artigos e recensións de publicación académicas recentes, na revista inclúese unha entrevista a Domingo Villar e un artigo como escritor convidado de Miguel Anxo Murado. A publicación agarda ter unha periodicidade anual e manter en próximos números un formato similar.
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto