Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Festival de curtas en Vigo

Como facer cine sen gastar un peso

O festival Vigounhaedez ofrece esta semana proxeccións de curtametraxes e obradoiros, incluído un de audiovisual “low cost”.

Moisés Álvarez - 17:00 22/09/2009

Vigo estrea festival de curtametraxes: o Vigounhaedez, promovido e pensado para xente nova. Desde este martes e ata o sábado 26 de setembro proxectaranse máis de 40 curtametraxes, boa parte delas de novos realizadores galegos. Pero o festival quere ter sobre todo un carácter participativo, polo que as sesións de curtas complétanse con tres obradoiros para implicar á xente nova de entre 15 e 30 anos na creación audiovisual.

Entre as actividades do festival atópase un obradoiro de audiovisual “low cost”. Ao longo de dous dias, os inscritos aprenderán os aspectos básicos de como realizar curtametraxes sen contar cun can. Abelardo Rendo e Fernando Lema son os encargados de impartir o obradoiro. “Ensinamos o partido que se lle pode sacar a cada ferramenta: cámara de fotos, cámara de vídeo, móbil...”, explica Abelardo Rendo. “O obxectivo é aproveitar os recursos que tes na casa sen meterte en gastos”.

Máis ideas con menos cartos
Rendo e Lema son dúas das persoas que se atopan detrás de Producións Sen Un Peso, unha produtora que á hora de realizar curtas trata de aplicar recursos imaxinativos en vez de económicos. A súa última curta é Sulfato, dirixida por Abelardo Rendo, que contou cun orzamento de 90 euros. Con eses cartos fabricaron un guindastre para a cámara e unha "steady-cam” caseira, cunha especie de volante de plástico. O resultado plástico está á altura da habilidade dos seus creadores.


Nun videoclip para o grupo de metal Katharsys, conseguiron uns efectos espectaculares aplicando luces de cores a un polbo metido nun acuario.

No obradoiro ensinarán como facer esta e outras cousas. “Trátase de traballar en equipo e aplicar a creatividade, darlle importancia a obxectos que parecen insignificantes”, sinala Rendo, que cre que tamén é importante “non ter vergonza”. Os alumnos verán exemplos en vídeo de como facer un travelling cun monopatín, ou como substituír o soporte para unha glidecam, que pode custar 500 euros, por un pé de micro adaptado, que se consegue por 20 euros e un pouco de imaxinación.

Creatividade enlatada en curtas
Xunto a este impartiranse outros dous obradoiros: o venres un de interpretación a cargo de Fran Peleteiro, e outro de guión o sábado, por Martín Rodríguez. Entre as curtas que se van proxectar no festival están Funeral afónico, de Rubén Domínguez, O tren da vida, de Andreia Táboas, Momentos captados dunha realidade xa inexistente, de Álex Lora, Operación Toralla, de Ismael González Esteban, e Mazás con mandarinas, de Pablo Giraldo e David González.

O festival forma parte dun proxecto máis amplo, que desenvolven a Concellería de Xuventude de Vigo e a Asociación Xuvenil Abertal. Naceu en xaneiro deste ano da man dun grupo de mozos e mozas interesados en formarse en temas relacionados co audiovisual. Nun obradoiro crearon nove curtas situadas en Vigo e cunha duración de arredor de 1 minuto. Agora estas curtas proxéctanse xunto co resto das presentadas ao festival.

Na actualidade arredor de medio cento de mozos e mozas participan nas actividades do proxecto, co obxectivo de constituír unha plataforma que teña continuidade con proxectos similares.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: